Skip to main content

Galicia recibirá máis do 63% dos fondos europeos da pesca para rexións de converxencia

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asistiu en Madrid á reunión da Conferencia Sectorial de Pesca onde se acordou o reparto de
1.005.400.000 euros do novo Fondo Europeo da Pesca que entrará en vigor o 1
de xaneiro de 2007 e que estará vixente ata 2013. Desta cifra global, a
Galicia correspóndelle un 63,19% (máis de 380 millóns de euros) do total
repartido entre as rexións obxectivo de converxencia, o que a converte na
comunidade máis beneficiada. Ao término da xuntanza, Carmen Gallego sinalou
que, aínda que satisfeita, espera aumentar esta cifra xa que hai
comunidades autónomas que executan menos cartos dos que lle corresponden e
cuxos fondos se repartirán entre as rexións que sí executen todo o
orzamento previsto. Neste senso, lembrou que no periodo de Fondos IFOP, que
remata o 31 deste mes, Galicia acadara 75 millóns de euros máis do previsto
no reparto inicial.

A Conselleira de Pesca indicou que cos recursos europeos repartidos hoxe, o
departamento que dirixe continuará coa política posta en marcha ao longo
deste ano orientada a consolidar o liderazgo de Galicia na industria da
transformación, a potenciar a actividade acuícola e a mellorar e modernizar
a frota de baixura. Neste senso, lembrou as accións que se están levando a
cabo destinadas a potenciar a diversificación da actividade pesqueira o a
mellorar a comercialización dos produtos.

Próximo Consello de Ministros da UE

Outra das cuestións abordadas durante a Conferencia Sectorial foi a
posición que defenderá o Executivo central respecto ao reparto das cuotas
pesqueiras para o ano 2007, que se debatirá no vindeiro Consello de
Ministros de Pesca da Unión Europea o 19 e 20 de decembro. Neste senso,
Gallego Calvar salientou que a Xunta comparte con España a súa aposta por
incrementar as posibilidades de captura daquelas pesqueirías que non
presentan problemas científicos, como é o caso da pescada do norte, na que
España pretende conseguir un incremento superior ao proposto pola Comisión
Europea.

Por outra banda, no que se refire ás especies sometidas a plans de
recuperación como a pescada e a cigala en augas ibéricas, a conselleira
explicou que, a pesares de que a Comisión Europea persegue unha redución do
10%, a delegación española solicitará manter a mesma cuota do 2006.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia