Skip to main content

Os cidadáns poderán coñecer todos os convenios subscritos pola Xunta a través da páxina web da Vicepresidencia

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou en Santiago o novo modelo de Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, que administrará a Secretaría Xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia e que permitirá unha maior eficiencia na xestión desta base de datos. Co novo sistema, os cidadáns poderán consultar telematicamente a través da web http://vicepresidencia.xunta.es toda a información que conteñen os convenios, protocolos ou acordos asinados pola Xunta de Galicia e os seus órganos dependentes.

Segundo Quintana, esta reforma inscríbese no proceso global de mellora dos mecanismos de transparencia na actuación da Administración pública galega que as dúas forzas políticas do Goberno galego comprometeron no seu acordo de goberno e que xa se ten plasmado na Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración. Para o vicepresidente, supón un paso máis na mellora do acceso da cidadanía á información, xa que os galegos e galegas “teñen dereito a coñecer a actividade da Administración para opinar sobre a oportunidade e legalidade das actuacións do seu Goberno”.

Neste senso, asegurou que este rexistro vai favorecer a participación e a implicación da cidadanía nos asuntos públicos, e subliñou a oportunidade que para este fin brindan as novas tecnoloxías como vía para achegar a Administración aos cidadáns. Na súa opinión, “a implicación da cidadanía na vida pública é un bo síntoma da saúde democrática dun país”, e engadiu que “pasou o tempo da opacidade e do escurantismo e chegou a hora da transparencia e da proximidade, como corresponde a unha Administración moderna e eficaz”.

O vicepresidente incidiu na opacidade e nas debilidades do anterior rexistro de convenios. O vello rexistro que xa existía na Secretaría Xeral de Relacións Institucionais estaba infradotado de medios e tamén na súa capacidade de actuación, xa que só recollía os convenios aprobados polo Consello da Xunta, é dicir, aqueles que recollen obrigas plurianuais ou que superan a contía de 150 mil euros para un ano, e nel só se incluían os convenios asinados polas Consellerías, os organismos autónomos e os entes de dereito público, excluíndo os doutras formas de personificación da Administración. Ademais, só se reflectían os convenios asinados con outros entes públicos, deixando á marxe os firmados con persoas privadas. Por outra banda, a falta de definición do concepto de “convenio” suscitaba dúbidas sobre os instrumentos xurídicos que se debían inscribir e non se marcaban prazos de remisión da información nin os datos mínimos que debían figurar no rexistro.

Contidos

Segundo o vicepresidente, con este novo modelo dáselle un xiro de 180 grados para convertelo nun verdadeiro rexistro público de convenios con información completa, veraz e de fácil acceso por parte de todos os usuarios que o desexen. Entre os principais avances con respecto ao sistema anterior, establécese agora a obriga de incluír todos os convenios, non só os autorizados polo Consello da Xunta. Tamén se deben rexistrar os convenios, tanto os asinados pola Xunta como polos órganos dependentes, con entidades privadas. Ademais, o novo sistema establece a inclusión no rexistro de todos os instrumentos xurídicos (convenios, protocolos, acordos, etc.) así como as súas addendas e modificacións.

Cada convenio estará recollido na base con información relativa ás partes asinantes, data da sinatura, o seu obxecto, o período de vixencia e a posibilidade de prórroga, o financiamento e obrigas económicas e as actuacións previstas, entre outros elementos. A información figurará no rexistro nun prazo máximo de 15 días dende a súa sinatura.

Consulta

Por outra parte, o soporte informático deste rexistro permitirá superar as principais eivas que tiña a base de datos existente. En primeiro lugar, a falta de flexibilidade para as consultas, xa que só se podían facer por consellerías ou organismos autónomos. Anteriormente, só se podían emitir os informes e listados por datas de asento ou de sinatura e por consellerías. Tampouco era posible detectar duplicidades nin efectuar consultas con precisión nin absoluta fiabilidade. A partir de agora, mellórase tamén a organización do rexistro, dividíndoo en seccións en función das partes asinantes, fíxanse os campos coa información que debe conter, establécense áreas temáticas, etc.

Na busca dunha xestión eficiente do Rexistro, deseñouse como proxecto piloto na Xunta de Galicia unha aplicación sinxela para consultar convenios. Trátase dun sistema pioneiro porque fai uso da arquitectura SOA (Arquitectura Orientada a Servizos) para acceder a un sistema heteroxéneo de información que se mantén dende a Secretaría Xeral de Relacións Institucionais.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia