Skip to main content

A Oficina de Programas Internacionais de I+D+i promoverá a participación galega nos programas europeos

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia, presentou en Ferrol a Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDI). Este centro pretende promover, asesorar e potenciar a participación galega nos Programas Europeos de I+D+i. Para elo contará cunha sede en Ferrol, no Centro de Innovación e Servizos, e con delegacións en Santiago de Compostela e Bruxelas. O seu director será Xavier Alcalá.

Segundo explicou Salustiano Mato, o obxectivo final desta Oficina é incrementar tanto o número de proxectos presentados como os aprobados por axentes do sistema galego de I+D+i (universidades, organismos públicos de investigación e empresas) a Programas Europeos. Deste xeito, a Consellería de Innovación e Industria pretende aumentar o retorno de fondos europeos para o financiamento da I+D+i.

O traballo da OPIDI consistirá en mellorar o coñecemento dos Programas Europeos entre os Axentes do Sistema Galego de I+D+i, fomentar a súa internacionalización e o contacto con socios europeos e sistematizar as iniciativas galegas que se presentan aos Programas Europeos. Para elo levará a cabo tarefas de asesoramento (asistencia técnica e de xestión), promoción (divulgación, formación e captación), vixilancia tecnolóxica e iniciativas de innovación.

ASESORAMENTO, PROMOCIÓN, VIXILANCIA

O labor de asesoramento proponse asistir aos Axentes Galegos de I+D+i na preparación e presentación de proxectos aos Programas Europeos, desde a análise das propostas até o establecemento de redes de contacto institucional para a procura de consorcios internacionais e de socios para os proxectos promovidos por axentes galegos. Pola súa banda, a área de promoción terá como finalidade aumentar o coñecemento dos Programas Europeos e fomentar a participación de Galiza nos mesmos. Para elo desenvolverá desde tarefas de deseño de actividades de divulgación dos Programas Europeos até fomento da participación galega en Plataformas Tecnolóxicas Europeas. Por último, a área de vixilancia tecnolóxica e iniciativas de innovación proponse sistematizar as iniciativas científicas e tecnolóxicas galegas con maior potencialidade e optimizar as posibilidades do Sistema Galego de I+D+i.

A sede central da Oficina establécese no Centro de Innovación e Servizos de Ferrol, e contará con dúas delegacións: en Santiago de Compostela e Bruxelas. A delegación de Santiago de Compostela servirá de enlace coa Dirección Xeral de I+D+i e de apoio e asesoramento a universidades, empresas e organismos públicos de investigación. Constitúe o enlace da Oficina coa Administración galega e entre as súas funcións estarán sistematizar o traballo de fomento da participación en Programas Europeos das OTRIS e prestar asistencia técnica e de xestión aos organismos públicos de investigación. Tamén levará a xestión Integral dos Proxectos Europeos, nos cadros INTERREG e ERA-NET, nos que a Dirección Xeral de I+D+i participa como socio, e procurará Proxectos Europeos para ser respectivamente liderados e participados pola Dirección Xeral de I+D+i.

A delegación de Bruxelas realizará a mediación institucional galega aos Proxectos participados por axentes galegos e complementará o labor de asesoramento ás candidaturas. Constitúe a unidade de actuación da Oficina en Bruxelas e de representación fronte os Organismos Europeos.

APERTURA DE CONVOCATORIAS

Pola súa banda, o director da OPIDI, Xavier Alcalá, salientou que segundo o anuncio feito polo director Xeral de Investigación da Unión Europea, o galego José Manuel Silva, o 22 de decembro será probablemente a data de apertura das primeiras convocatorias de Proxectos Europeos dentro do VII Programa Marco. Os obxectivos deste programa, que chega aos 53. 000 millóns de euros de presuposto para o período 2007-2013, foron agrupados en catro temas de investigación: Cooperación, Ideas, Persoas e Capacidades coa finalidade de desenvolver liñas de investigación que sexan capaces de aglutinar ás necesidades da industria europea a través do traballo desenvolto nas Plataformas Tecnolóxicas e nas novas Joint Technology Initiatives.

Coa próxima apertura desta convocatoria, a Oficina comezará a súa actividade incentivando e axudando aos Axentes Galegos de I+D+i a participar e a presentar proxectos e inciativas sólidas.

Máis información na web da Oficina, en: http://www.opidi.org
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia