Skip to main content

O presidente da Xunta afirma que o Porto de vigo é o pulmón económico da cidade e que a súa transformación suporá un antes e un despois para a cidade olívica

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o porto de Vigo é “o pulmón económico da cidade por excelencia” e que a transformación que implicará a creación do centro Beiramar suporá unha aposta polas autoestradas do mar. “Galicia non se podería entender sen o mar, sen o diálogo co mar e Vigo nace, constrúese e proxéctase en torno a este”, indicou.

Así o manifestou o máximo mandatario galego durante a súa intervención na presentación do plan Beiramar, un complexo que ocupará unha parcela de case 24.000 m2 e que permitirá ampliar a oferta de ocio, cultura e negocios en Vigo, e en cuxa construción se investirán 134 millóns de euros. No acto, Pérez Touriño estivo acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Abel Caballero, quen foi o encargado de presentar o proxecto.

O presidente da Xunta indicou que nos atopamos nun momento decisivo na competitividade e internacionalización da economía. Así, indicou que o porto vigués ten que seguir sendo “cada vez máis esa aposta por ser o pulmón económico que mellore o volume de mercadorías que incorporan valor engadido á economía de Galicia”. “Temos que seguir crecendo para ser ese gran porto dentro dos portos de Europa e, sobre todo, de España”, sinalou.

Desafío de futuro

O titular do Goberno galego explicou que Vigo se atopa na fachada atlántica, escenario natural de entradas e saídas, unha ubicación estratéxica que lle permite ter un camiño inmenso que percorrer. “Temos un escenario de oportunidade, unha demanda e un desafío”, sinalou.

A este respecto, Pérez Touriño asegurou que o porto traballa na dirección correcta de ganar posición nos mercados con dúas grandes operacións en marcha: a plataforma loxística Salvaterra As Neves e a ampliación das instalacións portuarias. Así, indicou que o porto debe apostar por un escenario de maior competitividade e presenza como “a clave de bóveda de todo o proxecto” hoxe presentado. “O porto debe ser un escenario para integrar o mar á cidade e a cidade ao mar, que será resultado da cooperación e concertación entre as administracións públicas e a iniciativa privada”, abundou.

Para o máximo mandatario galego, o centro presentado hoxe aposta pola calidade e a excelencia, por xerar servizos de alto valor engadido, que porán en valor unha parte da cidade, da que o auditorio é emblema. O proxecto, sinalou, complementa e reforza así a aposta da cidade nesta dirección.

Con este proxecto, engadiu, búscase gañar espazos de convivencia cidadá, abrir Vigo ao mar e recuperar un sentido de cidade, de cidadanía para pór en valor un mellor escenario de convivencia e unha rendibilidade económica en beneficio do interese social.

Pérez Touriño subliñou que esta gran transformación supón unha aposta polas autoestradas do mar, por gañar ese espazo de competitividade nos mercados internacionais e na actividade económica internacional “en beneficio desta comunidade e desta gran área metropolitana de Vigo”.

Asemade, o presidente galego asumiu o compromiso de “colaborar, favorecer e impulsar” o proxecto Beiramar para que se consoliden este tipo de iniciativas, que marcan “un antes e un despois” no futuro da comunidade. “Comprometo a miña colaboración e diálogo para que estes proxectos definan o mellor futuro para a cidade de Vigo. Vigo é mar e mar é Vigo e témolo que construír xuntos con novos horizontes, metas e desafíos a través dun diálogo frutífero ao que temos que responder dende as administracións”, destacou.

Por último, o presidente galego subliñou que hai que traballar na busca do común denominador baseado na calidade e competitividade das cidades, para acadar a excelencia e integración dun mar coidado e forte, integrado na vida urbana, social e cultural “que é patrimonio de todos”.

O Centro

O centro presentado é un complexo que ocupará unha parcela de case 24.000 m2. As instalacións inclúen a construción dun aparcamento con capacidade para 2000 vehículos, unha galería de exposicións, un planetario, unha piscina cuberta, dúas salas de cine, unha pista de xeo e un parque infantil. O centro pretende ser un edificio vivo, intelixente e transparente que se configure como zona de ocio, deporte e negocio no porto de Vigo. Contará cun investimento para acometer estas obras de 134 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia