Skip to main content

Pesca e Universidade de Vigo colaboran para coñecer en tempo real a evolución dunha mancha no mar no caso dun verquido

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), e a Universidade de Vigo asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dun sistema de medición, en tempo real, das variables meteorolóxicas e oceanográficas do mar. Para este feito empregaráse unha batea experimental da Consellería de Pesca situada na Ría de Arousa, na que se instalará unha estación para a toma de datos oceanográficos e unha estación meteorolóxica. Esta actuación, na que Pesca participa con 38.065,25 euros, inclúese dentro do proxecto europeo “Emergency Response to Coastal Oil, Chemical and Inert Pollution from Shipping” (Erocips), cofinanciado pola Unión Europea.

O obxectivo desta iniciativa é ensaiar un método automático de medición e transmisión de datos en tempo real de cara a prever, de forma máis exacta e rápida, a evolución dunha posible contaminación mariña, segundo as condicións meteorolóxicas. Con este sistema poderanse transmitir ao momento, ademais da información meteorolóxica, os datos oceanográficos referentes a:

–A medida da corrente horizontal ao longo dun eixo transversal ao fluxo de entrada e saída da auga.
–A medida do nivel do mar.
–Os datos de temperatura e salinidade.
–A estimación do caudal do río en función do nivel do mar, das correntes e do perfíl do fondo.

O plan de traballo

Segundo o convenio de colaboración, a labor da Universidade de Vigo para o desenvolvemento deste sistema consiste na integración, programación e instalación dunha serie de sensores meteorolóxicos e oceanográficos na batea experimental. A información recollida por estos sensores será transmitida, ao intre, a un ordenador para a súa posterior publicación e consulta na Internet.

Deste xeito, o plan de traballo da Universidade viguesa distribuirase en varias fases:

–Fase inicial: realizarase a comprobación e a posta en marcha do material a instalar, así como as probas necesarias de
almacenamento e de transmisión dos datos.
–Fase de deseño e instalación da estrutura do correntímetro Doppler horizontal: nesta parte analizarase o lugar de fondeo, a
medida das correntes, etc.
–Montaxe final: instalación dos sensores e probas finais.
–Operacións de mantemento rutinarias, preventivas e de emerxencia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia