Skip to main content

Touriño propoñerá aos responsables dos medios de comunicación de Galicia a sinatura dunhas bases para a normalización do tratamento informativo do fenómeno da inmigración

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, propoñerá aos responsables dos medios de comunicación de Galicia a sinatura dunhas bases para normalizar o tratamento informativo da cuestión da inmigración. O obxectivo deste acordo, que quere impulsar a Xunta, é o de acadar unha información sobre inmigración que se axuste á realidade deste fenómeno e exclúa os tópicos. Así o anunciou Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, no decurso da inauguración das xornadas (e) Inmigración Comunicación, organizadas polo seu departamento coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, a Fundación Caixa Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

As xornadas inauguradas por Salgado teñen como obxecto reflexionar durante tres días sobre o tratamento que os medios de comunicación prestan á cuestión da inmigración. Tal e como salientou o secretario xeral de Comunicación, “a percepción que os cidadáns posúen deste fenómeno nalgunha medida está motivada polo tratamento informativo que recibe”. A este respecto, Fernando Salgado lamentou que a información sobre inmigración faga a miúdo fincapé sobre “aspectos que remiten a contextos de conflitividade”. Así, segundo destacou, “o tratamento informativo da inmigración remite maioritariamente a unha dimensión problemática na que moitas veces se relaciona con delincuencia, mafias ou situación de irregularidade”.

Esta situación leva a que se fale, cando hai que referirse a esta cuestión, ao “problema da emigración”, dixo Salgado, o que xa connota ao fenómeno inmigratorio cun “sentido negativo”.

Galicia, referente na orientación das políticas migratorias

O secretario xeral de Comunicación defendeu a necesidade de cambiar esta tendencia que se produce nos medios de comunicación posto que o pobo galego, que agora está a recibir inmigrantes, foi no pasado un pobo que tivo que deixar a súa terra en busca de novas oportunidades. Neste sentido, Fernando Salgado destacou que Galicia debe ser un referente na orientación das políticas migratorias.

Así, Salgado incidiu en que o fenómeno da inmigración debe ser visto como unha oportunidade e non como unha ameaza e xustificou para referendar esta afirmación termos económicos. Segundo sinalou Salgado, o fenómeno inmigratorio explica a metade do aumento do PIB en España desde 2001 e tamén a afluencia de inmigrantes garantirá a sustentabilidade do sistema de pensións, porque que unha grande parte dos novos cotizantes son estranxeiros.

Porén, tamén a afluencia de inmigrantes non significa só a posibilidade de crecemento económico senón tamén a posibilidade de “enriquecemento sociocultural”, dixo Salgado. É por este motivo, tal e como afirmou o secretario de Comunicación do Goberno galego, que se fai necesario sensibilizar a toda a sociedade galega sobre un fenómeno que está a cobrar cada vez máis importancia na Comunidade Autónoma.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia