Skip to main content

Benestar explica aos traballadores sociais dos concellos as novidades do sistema de información de usuarios de servizos sociais

A Secretaría Xeral do Benestar organiza en Compostela unha xornada informativa para os traballadores dos servizos sociais de atención primaria co obxectivo de explicarlles as novidades que se están incorporando ao SIUSS (Sistema de Información de Usuarios dos Servizos Sociais), a ferramenta profesional que xestiona os expedientes familiares das persoas usuarias dos servizos sociais.

A xornada serviu para destacar as principais novidades que se están pondo en marcha, entre as que está a incorporación do módulo de “maltrato infantil”. Destínase esta ferramenta aos profesionais técnicos dos servizos sociais de atención primaria e responsables dos programas de intervención familiar, que aí recollerán toda a información relativa aos menores usuarios do seu ámbito de actuación, que estean padecendo situacións de maltrato ou que estean en risco de padecelo.

Á parte deste novo módulo, o SIUSS está incorporando outras melloras como as pantallas de malos tratos á muller e a posibilidade de recoller datos en relación coa dependencia. Trabállase ademais na confección dun novo módulo relacionado coa intervención familiar, tamén destinado aos profesionais responsables dos distintos programas de intervención familiar nos municipios de Galiza.

Outro paso máis fundamental que se vai dar agora neste eido coa instalación do denominado “cuarto nivel” do SIUSS, que vai permitir a selección das demandas, valoracións e recursos específicos propios de Galiza. O seu desenvolvemento era unha vella reivindicación dos profesionais dos servizos de atención primaria, que no vindeiro mes de xaneiro se converterá xa nunha realidade. A súa utilización vai permitir unha explotación de datos, que dará un coñecemento absoluto dos usuarios, tanto sobre as necesidades e recursos, así como da súa adecuación á realidade.

Dende Benestar destácase a importancia de estar dinamizando en todo momento o SIUSS, algo para o que resulta fundamental a colaboración e as achegas dos profesionais que utilizan a diario esta ferramenta nos concellos galegos. Dende os anos 80 cando xurdiu a ficha social, moito se ten evolucionado neste campo, unha evolución que debe ir medrando para unha óptima planificación dos servizos sociais, tanto a nivel municipal como autonómico.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia