Skip to main content

122 entidades locais están xa adheridas ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, seis meses despois da súa entrada en funcionamento

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou no pleno do Parlamento, o elevado número de entidades que xa están adheridas ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar. Dende a súa entrada en funcionamento o pasado 10 de xullo, xa se adheriron 122 entidades locais, 121 son concellos e 1 mancomunidade. Deste xeito, case o 39% do total dos concellos galegos están integrados, a día de hoxe, no Consorcio, instrumento de xestión que nace co obxecto, segundo o vicepresidente, de “asegurar o benestar de todos os galegos e as galegas”.

O vicepresidente sinalou que o Consorcio está recibindo apoios dende a diversidade de opcións políticas e dende áreas territoriais de todo o país. A metade dos concellos que subscribiron inicialmente o convenio de constitución do Consorcio, están gobernados polo PP, o que significa “un triunfo da corresponsabilidade fronte ás estratexias puramente partidistas que sempre traballan en contra dos cidadáns”, un 14% están gobernados polo PSOE, outro 14% polo BNG e o 21´4% restante por outras formacións.

A Coruña é a provincia con maior número de entidades consorciadas, 39; seguida de Ourense, con 34; Lugo con 25 e Pontevedra con 24. Deste xeito, catro de cada dez concellos integrados no Consorcio son coruñeses, o 38´7% de Pontevedra, o 36,9% pertencen a Ourense e o 37,3% son de Lugo.

O vicepresidente destacou que no Consorcio están integrados concellos de todos os tamaños, e das sete grandes cidades, seis están integradas ou en proceso de integración. Trátase da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo e Lugo, mentres que, no caso de Ourense, a Vicepresidencia está abrindo vías de negociación para acadar tamén a súa incorporación.

O vicepresidente da Xunta sinalou que o Consorcio “é un instrumento de xestión que nace con moito dinamismo para asegurar o benestar de todos os galegos e galegas” e, neste senso, a máis dun millón de persoas que viven nos concellos integrados no Consorcio, que van dispor de máis servizos de atención e de máis calidade. A maior parte destas persoas, máis do 33%, residen en grandes cidades, e case o 24% viven en municipios de tamaño intermedio, de entre 10.000 e 25.000 habitantes.

Segundo sinalou o vicepresidente na súa resposta parlamentaria, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar representa o “primeiro intento serio na historia de Galiza de institucionalizar os servizos sociais e os dereitos de benestar”. Trátase dun “novo instrumento de xestión que vai cambiar a relación de dependencia e xerarquía que existe hoxe en día entre a Xunta e os concellos por unha relación en plano de igualdade e colaboración”. O Consorcio é a ferramenta, segundo o vicepresidente, para lograr unha “organización áxil e flexible” na atención social que garanta a igualdade de oportunidades e a calidade dos servizos sociais.

Actuacións do Consorcio

Segundo Quintana, as previsións da Vicepresidencia é que o Consorcio faga posible a construción de máis dun centenar de novas escolas infantís nos próximos dous anos e de máis de 70 novos centros na área do benestar, entre residencias, miniresidencias, centros de día para a terceira idade e centros de atención á discapacidade, ademais dun Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero.

Prevese que o Consorcio poida xerar máis de 4.000 empregos nos distintos concellos implicados na súa actividade: 2000 postos de traballo directos na área de igualdade e máis de 300 indirectos no ámbito do benestar.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia