Skip to main content

Igualdade pon en marcha a campaña Hai moito en xogo para concienciar sobre a utilidade dos xoguetes na promoción de valores

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, e a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, presentaron en Compostela a campaña Hai moito en xogo. Xogando construímos a igualdade, coa que a Vicepresidencia pretende concienciar sobre o uso e consumo dos xoguetes de forma racional e sobre a importancia dos mesmos na promoción de valores. Os materiais desta campaña distribuiranse durante o Nadal en comercios e centros de atención á primeira infancia.

Na súa intervención, Adán lembrou que o xogo é unha actividade que vai conformando a personalidade de nenos e nenas. Xogando desenvolven as súas capacidades psicomotoras, cognitivas, afectivas e sociais, e adquírense esquemas de conduta práctica que desenvolven actitudes e permiten aprender a vivir imitando modelos e pautas de comportamento. Por iso, segundo a secretaria xeral, o xoguete ten un papel fundamental como instrumento educativo neste desenvolvemento e “nesta etapa de socialización é fundamental que non se utilicen para reproducir roles e estereotipos sexistas, axudando no camiño da construción dunha sociedade máis igualitaria”.

A responsable da Igualdade da Vicepresidencia reparou neste papel que teñen os enredos como modelo e medio de aprendizaxe e, neste senso, asegurou que “é preciso ofrecer modelos para unha educación na Igualdade, ao tempo que se debe fomentar o xuízo crítico fronte á utilización sexista dos xogos”. Adán engadiu que con esta iniciativa tamén se quere contrarrestar a presión que exercen sobre os nenos e nenas e os seus pais e nais as campañas publicitarias en todos os medios de comunicación, especialmente cando se achegan as festas do Nadal.

Materiais

No marco desta campaña, que por segundo ano pon en marcha a Vicepresidencia, vanse distribuír 50.000 carteis (10.000 para colocar en escaparates e 40.000 despregables para dar ás familias nos propios comercios), 18.000 calendarios de peto, 18.000 coches-xoguete de construción para repartir nas escolas infantís e 1.500 unidades didácticas dirixidas ás escolas infantís e ao persoal de atención á infancia. Todos estes materiais son moi gráficos e atractivos para os cativos e acompáñanse con mensaxes respecto do uso dos xoguetes, dirixidas fundamentalmente ás persoas adultas.

Na loxística da campaña colabora a Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Innovación e Industria, que tomará parte na distribución dos elementos da campaña aos establecementos, con especial atención aos especializados en xoguetes. A campaña tamén quere dar así un estímulo máis a fomentar as compras de Nadal no pequeno comercio.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia