Skip to main content

Emilio Pérez Touriño asegura que Galicia é un país aberto e tolerante, unha cultura nacional que non renuncia a ningunha das súas herdanzas

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, afirmou que Galicia é “un país aberto e tolerante, unha cultura nacional que non renuncia a ningunha das súas herdanzas”. Así o dixo na inauguración do I Congreso Internacional de Escritores ‘De Pedra e de Palabra’, organizado polo PEN Club de Galicia e que reúne en Compostela a literatos de todo o mundo.

O máximo mandatario galego manifestou a súa confianza en que este encontro multicultural servirá para “facer valer o papel de Galicia como ponte e espazo de encontro entre mundos literarios e culturais por moitas razóns emparentados, aínda que non sempre suficientemente relacionados”. Trátase dunha cita coa que, consonte dixo, “Galicia quere abrirlle as súas portas e, ao tempo, mostrarse a Iberoamérica e á Lusofonía”, que definiu como “riquísimos universos culturais dos que nos sentimos partícipes e cómplices”, do mesmo xeito que, engadiu, “nos sentimos plenamente integrados nese espazo cultural europeo”.

Durante a súa intervención, o xefe do Goberno autonómico expresou o seu convencemento de que os escritores participantes no Congreso comparten cos galegos a sensibilidade “cara ás culturas e ás linguas que se desenvolven en espazos xeográficos reducidos, pero que non por iso deixan de pugnar por facérense visibles neste mundo globalizado”.

Nesa liña, Pérez Touriño manifestou o seu desexo de que, a través deste encontro, Galicia intensifique a súa relación con “grandes espazos literarios que teñen nos idiomas castelán e portugués dous espléndidos instrumentos de comunicación e de creación”. “Pretendemos que vostedes saiban de nós e do noso país, de Galicia e da súa literatura”, engadiu.

Segundo destacou, Galicia conta hoxe “cun solvente movemento literario”, e, como proba citou ao recente Premio Cervantes, Antonio Gamoneda, quen tras recibir o galardón sinalou que a poesía galega é xunto coa portuguesa, a de maior calidade de todas cantas se están a escribir na Península. O presidente da Xunta completou esta afirmación loando a boa saúde da prosa narrativa galega e da escrita dramática do país.

Longa tradición

Pérez Touriño remarcou o bo quefacer literario dos escritores en lingua galega cunha longa tradición literaria que se remonta ata a Idade Media, “cando este recanto da vella Europa alumeou o tesouro universal da lírica trobadoresca galaico-portuguesa”.

O titular do Executivo autonómico referiuse tamén aos “avatares pouco afortunados” que conduciron á práctica desaparición do rexistro escrito da lingua, e ao rexurdimento impulsado por Rosalía de Castro, da que dixo que lle devolveu ao galego “a dignidade incomparable da expresión escrita”. Relatou que nese momento se reiniciou un camiño que faría de Galicia “un espazo literario específico e singular, unha tesela máis, pero con brillo propio, no grande mosaico da literatura universal”.

Para o presidente galego, trátase dun camiño que percorremos “non sempre á velocidade que todos estimamos desexable”. Por iso, afirmou que ten moitas esperanzas postas na Lei do Libro e da Lectura que o Parlamento Galego aprobou antonte por unanimidade. “Estou seguro de que esta Lei vai ter unha incidencia moi favorable sobre todos os axentes e instancias que traballan no mundo do libro, e moi nomeadamente sobre os creadores”, afirmou.

Pérez Touriño insistiu en que foi a “acumulación de culturas, tradicións e modos de vida” o que contribuíu a facer de Galicia “un país aberto e tolerante, unha cultura nacional que non renuncia a ningunha das súas herdanzas e que fai desta pluralidade de legados e da súa convivencia en paz e liberdade un dos seus principais sinais de identidade”.

Finalmente, o titular da Xunta celebrou a iniciativa do PEN Club de organizar en Santiago o I Congreso Internacional de Escritores ‘De Pedra e Palabra’ e manifestou o seu desexo de que Compostela consolide “esta condición de cidade literaria e de lugar privilexiado para o encontro de escritores de todo o mundo para o debate e a reflexión compartida sobre a literatura e os seus problemas”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia