Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria apoia a renovación comercial no sector libreiro galego

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Carlos Corral, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diversas actuacións conducentes a acadar unha rede comercial de calidade e servizo do libro nas librerías galegas. Para o desenvolvemento das mesmas, a consellaría achegará 51.561,50 euros, o 50% do investimento total.

O convenio artellase sobre tres actuacións singulares, complementarias entre si, que posibilitarán unha evolución das librerías galegas cara a unha imprescindible renovación comercial, o que permitirá incrementar a súa competitividade. En concreto trátase de abordar o coñecemento sectorial espacial-territorial e posibilidades de dimensionamento do sector; a incorporación das novas tecnoloxías a nivel sectorial, e a promoción comercial sectorial-unitaria no punto de venta. Deste xeito, desenvolverase un estudo sectorial a nivel galego, programarase e desenvolverase unha páxina web para o sector e, por último, deseñaranse e confeccionaranse bolsas para punto de venda.

O departamento autonómico presta así a súa colaboración a un sector comercial que está sendo afectado por unha conxuntura adversa co obxectivo de acadar unha mellor ordenación e promoción do mesmo. Neste contexto enmárcase o proxecto global da Federación de Liberiros de Galicia dirixido á reconversión do sector e á creación dunha rede comercial, motivado pola muda nos medios de comercialización, os cambios nos xeitos de mercar, a evolución do propio mercado libreiro, con especial incidencia nas pequenas librarías e as medidas que se van xestionando con relación á gratuidade motivado polo paso de papelería a libraría, así como o aumento da produción editorial, que está a complicar a xestión do punto de venda.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia