Skip to main content

Quintana manifesta que o Plan Lácteo aprobado por Madrid é un plan contra Galicia xa que cambia as regras do xogo no medio da partida

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, declarou que o Plan Lácteo aprobado polo Consello de Ministros non é un bo plan para Galiza, e tal e como se xestou e se aprobou, “non só non é un bo plan para Galiza, senón que é un plan contra Galiza”. Quintana lembrou que o Goberno galego -a través da Consellería do Medio Rural- levaba meses traballando para tentar convencer ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de que ese plan non era bo, cunha “postura tremendamente construtiva, positiva e dialogante” por parte da Administración galega. O vicepresidente da Xunta fixo estas declaracións hoxe en San Caetano, tras unha reunión que mantivo coa Federación Provincial de Asociacións Comarcais de Empresarias, Profesionais e Emprendedoras da Coruña.

O vicepresidente sinalou que, pola contra, está convencido de que, se no Estado español se fixera un plan para o aceite, de seguro que non se podería facer sen contar con Andalucía ou en contra de Andalucía. Polo tanto, Quintana afirmou que “nós estamos plenamente convencidos de que facer un plan para o leite no Estado español non se pode facer sen ter en conta a opinión de Galiza e moito menos contra Galiza”. O vicepresidente galego reiterou que isto é o que se lle ten transmitido durante todos estes meses ao Ministerio, cun traballo constante por parte do conselleiro do Medio Rural, que foi conseguindo algunhas pequenas melloras, sempre coa expectativa e coa ilusión de que finalmente se podería arranxar esta situación en termos construtivos e de cooperación, “como a nós nos gusta facer as cousas”.

Cambiar as regras de xogo

O vicepresidente nacionalista afirmou que o Plan Lácteo aprobado non é un bo plan para Galiza, entre outras cousas, “porque pretende cambiar as regras de xogo na metade da partida e Galiza xa está farta deste tipo de situacións”. Anxo Quintana explicou que, durante anos, se nos dixo que, para acadar un sector lácteo galego puxante, importante e estratéxico, había que ir a un novo dimensionamento das explotacións e había que tentar aumentar a capacidade produtiva a base de captar cota noutros mercados e noutros territorios onde esa cota era excedente e non se empregaba. Quintana manifestou que iso foi o que se nos dixo durante moitos anos, polo que o sector lácteo de Galiza, que “ten unha grandísima vitalidade e unha gran capacidade de adaptación, e que é un sector que ten sufrido mil avatares nos últimos anos con consecuencias sempre negativas aos seus intereses, pero que conseguiu resistir e saír adiante, pois tamén se adaptou a esa nova estratexia, tentando captar cota fóra de Galiza para medrar na nosa capacidade produtiva”.

Anxo Quintana criticou, polo tanto, que agora, “cando estamos nese proceso, na metade da partida, cámbianse as regras de xogo e xa se nos impide tamén ir captar cota fóra de Galiza, naqueles lugares onde non a utilizan e polo tanto sae á venta, cercenando así a nosa capacidade de expansión e a nosa capacidade de consolidación no que é a nosa capacidade produtiva actual”.

O vicepresidente da Xunta concluíu que, ademais de non ser positivo o novo Plan Lácteo para Galiza, tampouco foi positiva a xestación do mesmo. “Penso que o Ministerio desaproveitou a oportunidade que lle brindou Galiza, o Goberno galego -a través da Consellería de Medio Rural-, tendo unha postura construtiva e dialogante para tentar que finalmente o Plan Lácteo fora outro”, declarou Quintana.

Mulleres emprendedoras

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, propuxo a posta en marcha dunha federación galega de asociacións de mulleres empresarias, emprendedoras e profesionais, que agrupe a todas as entidades deste ámbito que existen en Galiza, o que, segundo Quintana, facilitaría a interlocución coa Administración e “facilitaría tamén o noso labor e a nosa vontade política de colaboración para co asociacionismo feminino”. Quintana fixo estas manifestacións tras a audiencia que mantivo coa directiva da Federación Provincial de Asociacións Comarcais de Empresarias, Profesionais e Emprendedoras da Coruña.

Quintana cualificou como “un paso moi positivo” que se tomara a decisión de crear unha federación de asociacións no ámbito provincial da Coruña, pero considera que ademais desta coordinación a nivel provincial, é necesario dar un paso máis e pór en marcha unha federación a nivel de toda Galiza.

O vicepresidente nacionalista reiterou que o Goberno galego saúda con ledicia a expansión do asociacionismo feminino que se está dando no país, e nomeadamente no ámbito do asociacionismo empresarial, un fenómeno ao que ademais se lle está prestando todo o apoio dende a Administración galega, especialmente dende a Secretaría Xeral da Igualdade. Ademais de facerlle a proposta de constituír unha federación galega de mulleres empresarias e emprendedoras, Quintana lembrou ademais as liñas de colaboración que mantén na actualidade a Vicepresidencia con estas asociacións, e que van dende o eido da formación ata a dotación de infraestruturas básicas para a súa actividade ou o apoio para os traballos de divulgación.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia