Skip to main content

Domínguez Olveira visitou as obras do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía

O director xeral para o Deporte estivo en Vilagarcía para visitar as obras do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía, un proxecto que se enmarca no exercicio 2005-2006 e cuxo remate está previsto para o próximo verán.

Durante a súa visita, Domínguez Olveira escoitou as explicacións do arquitecto encargado da obra, Alfonso Penela Fernández, quen destacou a importancia de integrar unha obra desta envergadura “establecendo unha fronteira entre a terra e o mar”. O director xeral para o Deporte destacou que está “moi satisfeito porque se están cumprindo os prazos da execución da obra, e contamos con poder inaugurar este Centro a mediados de 2007”. Ademais, o director xeral, lembrou a actividade náutica que ten Vilagarcía, e insistiu en que “este centro poñerá a Vilagarcía no máis alto da vela mundial, como xa hoxe o está Galiza, pois este centro servirá como berce para os grandes campións e centro neurálxico para a vela de base”.

Ata o día de hoxe, o investimento desta instalación bordea os 2.200.000 euros, todos eles achegados pola Consellería de Cultura e Deporte. Non obstante, antes da conclusión do proxecto, agárdase a sinatura dun convenio co Concello de Vilagarcía, polo que se incorporaría ao Centro de Tecnificación un centro municipal de vela, o cal suporía tamén unha achega económica ao proxecto. A este respecto, o alcalde de Vilagarcía, que acompañou a Domínguez Olveira na visita, destacou “a importancia desta infraestrutura, que cubrirá a deficiencia da escola municipal de vela e servirá como centro de tecnificación para os vilagarciáns e para toda Galiza”. Gago insistiu tamén en que este foi un proxecto “defendido en Madrid pola conselleira Ánxela Bugallo e polo propio director xeral, que nada máis chegaren ao goberno traballaron por sacalo adiante, e esta visita non fai senón impulsar este proceso”.

O proxecto conta con hangares para as embarcacións, espazo para escolas de deporte base, oficinas, aulas e unha pequena zona residencial para facilitar a estancia dos deportistas que alí se preparan.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia