Skip to main content

O emprego de Sofware Libre esténdese significativamente en Galicia en empresas, centros de ensino e concellos

Un estudio elaborado por Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre (iniciativa impulsada pola Consellaría de Innovación e Industria) indica que o Software Libre está a se desenvolver de xeito moi diferente segundo o ámbito, sendo as empresas TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) as entidades que máis empregan esta tecnoloxía, seguida por concellos (32%), centros de ensino (20%) e a PEME (10%).

Mancomun.org, no seu labor coma Observatorio do Software Libre de Galicia, vén de publicar “O Software Libre nas entidades de Galiza” que salienta unha presenza significativa de Software Libre no eido público cunha porcentaxe importante de Concellos que empregan este tipo de tecnoloxía. Nos centros educativos o uso é menor pero hai unha boa predisposición a empregalo.

No eido empresarial a maior parte das empresas TIC empregan o Software Libre para desenvolver os seus produtos e servizos pero, sen embargo, son reticentes a establecer novas liñas de negocio en Software Libre. As PEME non tecnolóxicas rexistran niveis máis baixos de uso debido ao seu descoñecemento aínda que o software de código aberto goza dunha imaxe excelente polo que moitas empresas sopesan a súa incorporación inmediata.

A pesar de que os índices de uso das novas tecnoloxías son baixos, segundo datos do Libro Blanco do Software Libre Galiza é a cuarta comunidade do Estado en empresas desenvolvedoras de produtos de Software Libre. Ademais desde a posta en marcha de Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre, as actividades de difusión e promoción do código aberto multiplicáronse por tres tendo unha gran resonancia no sector empresarial, a administración local e os centros de ensino secundario.

A Xunta de Galiza adquiriu un compromiso forte e real co uso do Software Libre en todos os ámbitos. Este compromiso vese reflectido de xeito explícito no acordo de goberno da actual Xunta de Galiza e na participación da administración autonómica galega na Rede Internacional de Administracións Públicas para o Software Libre.

Sobre Mancomun.org

Mancomun.org - Iniciativa Galega polo Software Libre pretende ser o punto de encontro das diferentes iniciativas sobre Software Libre que se están a desenvolver dende os diferentes ámbitos: institucional, empresarial, educativo, voluntariado, etc.

É unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, desenvolvida polo Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) que naceu o pasado 10 de maio coa misión de promover o Software Libre en Galiza e así conseguir o desenvolvemento dunha industria do software propia, o uso de ferramentas informáticas no noso idioma, unha rápida integración de Galiza na sociedade da información e o emprego de estándares abertos.

Sobre o Software Libre

O Software Libre son todas aquelas aplicacións informáticas que poden ser usadas, copiadas, modificadas e redistribuídas libremente. Algunha das súas principais vantaxes son o seu menor prezo, a adaptabilidade, a posibilidade de ser traducido a calquera idioma, Son exemplos de Software Libre os sistemas operativos Linux, OpenOffice.org ou Mozilla Firefox. Máis do 60% das páxinas web que existen actualmente en Internet funcionan baixo tecnoloxía libre.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia