Skip to main content

As Escolas Obradoiro e Obradoiros de Emprego do Camiño de Santiago permitiron acceder ao mercado laboral a 1.700 desempregados

A Consellería de Traballo facilitou a entrada ao mercado de traballo aos 1.700 traballadores desempregados que participaron nos programas de escolas obradoiro e obradoiros de emprego dos Camiños de Santiago. Esta proxecto implicou a contratación doutras 300 persoas, entre o persoal docente, directivo e administrativo.

As escolas obradoiro e obradoiros de emprego dos Camiños de Santiago son programas mixtos de formación-emprego nos que os participantes adquiren a formación profesional e a experiencia laboral necesaria, a través da realización dun traballo en obras ou servizos de utilidade pública ou interese social, coa finalidade de favorecer as súas posibilidades de inserción laboral por conta propia ou allea.

Estes proxectos son promovidos pola Consellería de Traballo en colaboración co Servizo Público de Emprego estatal, e contan co apoio dos diferentes concellos nos que se desenvolven.

O sistema de formación que se segue nas escolas obradoiro e obradoiros de emprego, é unha formación en alternancia, na que a asimilación dos coñecementos teóricos por parte do alumnado baséase principalmente na execución dos traballos propios da ocupación nunha determinada obra. Este aspecto fai que a formación práctica supoña unha elevada porcentaxe do total de tempo con respecto á formación teórica.

Así, o acceso ao mercado laboral acádase a través da formación profesional, teórica e práctica, nun oficio concreto; da experiencia profesional a través da realización de obras e servizos e de formación complementaria (Educación Secundaria) aos alumnos que carezan dela. Tamén se imparten módulos de alfabetización informática, de sensibilización medioambiental, formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación correspondente, así como orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial.

A Consellería de Traballo aposta por este tipo de proxectos mixtos de formación-emprego, dado que son demandados pola sociedade e por que existen posibilidades reais de inserción laboral dos alumnos traballadores que se forman nos mesmos (arredor do 70% dos participantes consigue integrarse no mercado laboral en pouco tempo). Á súa vez, crean un ámbito de cooperación institucional e de colaboración cos concellos, por canto restauran bens do patrimonio histórico, artístico ou natural, e dótanos de novas infraestruturas que melloran as condicións de vida dos cidadáns.

Dende o inicio deste tipo de programas, en decembro de 2000, son xa 30 os proxectos de escolas obradoiro e obradoiros de emprego dos Camiños de Santiago que fixeron posible a restauración, conservación e mellora do patrimonio histórico, artístico, cultural e medioambiental dos distintos tramos da ruta xacobeo. Tamén permitiron a dinamización socioeconómica dos itinerarios xacobeos e o seu entorno, mediante a xeración de postos de traballo e a inserción dos participantes.

No período de vixencia deste programa, que finaliza en xuño de 2007 co remate da escola obradoiro de Tomiño, obtivéronse uns fondos adicionais para Galicia, en materia de políticas activas de emprego e procedentes da Administración do Estado, por un importe superior a 24 millóns de euros.

Os proxectos de 2006

No ano 2006desenvolvéronse un total de 7 proxectos: dúas escolas obradoiro e cinco obradoiros de emprego. Trátouse das Escolas Obradoiro de Sarria II e Tomiño, mailos obradoiros Coles II, Neda, Palas de Rei II, Portomarín e Vedra.

Entre as actuacións máis salientables desenvolvidas nestes proxectos figuran desde a rehabilitación de antigas casas rectorais para darlles o uso de centro social, a mellora e acondicionamento de albergues de peregrinos, recuperación de tramos dos distintos camiños, rehabilitación e adaptación de edificios abandonados ou en desuso (por exemplo a antiga cárcere comarcal de Sarria para centro de atención ao peregrino), e establecemento de áreas de exposición e información para cubrir as demandas e necesidades dos peregrinos.

Nos proxectos desenvolvidos en 2006 participaron un total de 274 alumnos e efectuouse un investimento 2.605.811,35 euros.

Neste senso, os resultados obtidos a través destas actuacións, tanto en orde á creación de emprego como de dinamización dos contornos afectados polas rutas de peregrinación, poñen de manifesto os significativos beneficios que se derivan dunha actuación coordinada e conxunta das diferentes administracións públicas, así como unha máis que salientable optimización dos importantes recursos económicos que se asignan á creación e fomento do emprego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia