Skip to main content

Quintana presenta o Plan Director do Val de Rabeda que suporá a creación de 4 millóns de metros cadrados de superficie industrial e un investimento de 400 millóns

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, presentaron en Ourense o Plan Director de Ordenación do Val da Rabeda, que se desenvolverá nos concellos de Paderne, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Allariz. A actuación supón un investimento global que se situará entre os 335 e os 445 millóns de euros e, entre outras cousas, supón a creación de máis de catro millóns de metros cadrados de superficie industrial e a edificación de 2.000 vivendas protexidas. Quintana afirmou que “este é o gran proxecto para Ourense nesta lexislatura”, e por iso pediu a colaboración de todos os axentes sociais e institucións para o seu desenvolvemento, ao tempo que comprometeu a vontade política do Goberno e a súa como vicepresidente no desenvolvemento desta iniciativa.

Segundo apuntou, a actuación integral deseñada para o Val da Rabeda promoverá a transformación deste territorio en exemplo da cidade integral de Galiza do século XXI, xa que se combinan actuacións de creación de solo empresarial, rehabilitación do patrimonio e construción de vivenda protexida. Para o vicepresidente, esta iniciativa “vai máis alá da creación do solo produtivo” e aposta por crear espazos industrialmente desenvolvidos e, ao mesmo tempo, con calidade de vida para os seus habitantes.

Solo industrial e vivenda protexida

A través deste Plan vaise pór en funcionamento un campus industrial dun millón de metros cadrados cunha edificabilidade de 200.000 metros cadrados destinado a empresas de alta cualificación, máis varias áreas industriais cunha superficie total de 3.260.000 metros cadrados e unha edificabilidade de 1.640.000 metros cadrados. Este solo vaise desenvolver ao abeiro do Programa Galiza Suma, deseñado dende as consellerías de Vivenda e Solo e Innovación e Industria. Ademais, o Plan implica a creación dun gran sistema xeral de espazos libres de 1,2 millóns de metros cadrados.

En materia de vivenda, o Plan Director recolle a promoción da habitalidade no Val da Rabeda, permitindo a rehabilitación de 160 construcións existentes nos núcleos do entorno e coa a edificación de 2.000 vivendas de protección. Quintana lembrou que “este goberno aposta pola recuperación do patrimonio construído como vía de desenvolvemento sustentable” e destacou a importancia de acondicionar vivenda para un futuro parque empresarial que xerará unha importante actividade económica e, polo tanto, postos de traballo.

Nesta liña, Quintana asegurou que co Plan Director farase do Val da Rabeda un espazo industrialmente desenvolvido e con calidade de vida para a súa poboación, xa que a implantación desta actividade empresarial respectará as zonas de interese natural e paisaxístico. De feito, seguirase a liña de actuación iniciada coa declaración de Allariz e o seu contorno como Reserva da Biosfera por parte da Unesco. Preservar a calidade de vida do contorno e promover o uso ordenado dos recursos do ecosistema do Val son dous puntos claves do Plan Director, segundo o indicou o propio Anxo Quintana.

Comunicacións

Por outra parte, o proxecto servirá para resolver as eivas existentes na urbanización do Polígono de San Cibrao das Viñas e para integrar as ampliacións do Parque Tecnolóxico e da Central de Transportes. Ademais, vai permitir a conexión coa autovía A-52 de todo o complexo. Así mesmo, integra o paso do AVE e pretende poñer en valor a vía ferroviaria existente como un sistema local de transporte.

Quintana amosouse convencido de que “non hai máis posibilidade de progreso económico e social que o desenvolvemento sostible” e a este respecto puxo como exemplo este proxecto, que combina a creación de solo produtivo estratéxico e satisfai a demanda de vivenda de calidade a prezos taxados, sempre “mantendo os valores básicos do territorio e mesmo recuperando algúns xa deturpados”.

Reequilibrio territorial

O vicepresidente explicou que o Plan Director dará resposta á demanda empresarial existente, contribuirá ao reequilibrio territorial e dinamizará a Galiza interior. “Non queremos caer na miopía política de pensar que a actividade económica debe concentrarse só na franxa atlántica”, apuntou, e engadiu “a Galiza interior ten moito que ofrecer”. Así, sinalou que o futuro do país pasa polo aproveitamento das condicións vantaxosas destas zonas.

Anxo Quintana manifestou o compromiso do Goberno galego de acabar coa ausencia da planificación estratéxica herdada da administración anterior. O vicepresidente subliñou que “queremos substituír a ausencia de planificación por unha política de solo empresarial que atenda á demanda empresarial e ao equilibrio territorial, cunha visión integral e de país, que acabe co minifundismo e evite que medre a fenda entre a Galiza da costa e a do interior”. Neste senso, explicou que as actuacións previstas no Val da Rabeda van beneficiar á superficie comprendida no Mercado de Traballo de Ourense, o de maior extensión de Galiza, que comprende 61 concellos da provincia e ocupa a día de hoxe a máis de 79.000 traballadores.

Política comercial

O vicepresidente da Xunta lembrou a existencia dun proxecto inicial empresarial para o Val da Rabeda, no que, asegurou, “pecábase de falta de ambicións”. Neste senso, lembrou que non se pode solventar a precariedade momentánea de infraestruturas a costa de desfacer o territorio, tal como se facía antes, cando se creaban parques empresariais que, en lugar de deixar infraestruturas no territorio, “deixaban cicatrices”. “En vez de intervencións no territorio, eran agresións”, sinalou Quintana.

Ademais, Anxo Quintana puxo de manifesto a necesidade de superar a visión localista á hora de crear parques empresariais e acadar unha visión comarcal. Así, explicou que na nova política de solo empresarial da Xunta non só é importante crear solo empresarial, senón que tamén ten importancia crear unha política comercial agresiva, que permita colocar no mercado solo a prezos competitivos para que poida ser adquirido por calquera emprendedor.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia