Skip to main content

Méndez Romeu recoñece o labor da Fundación Rosalía de Castro na recuperación do patrimonio inmaterial de Galicia

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, participou no acto de presentación dos libros Follas novas, de Rosalía de Castro, e Amor de perdição, de Camilo Castelo Branco, na Fundación Rosalía de Castro en Padrón. O titular de Presidencia cualificou á Fundación Rosalía de Castro como un “lugar senlleiro” e salientou o seu traballo na recuperación da lingua moderna do país.

Sobre a obra presentada, Méndez Romeu afirmou que permite ler na súa lingua a dous autores cruciais no desenvolvemento das dúas literaturas e recoñeceu o labor dos artífices da edición que hoxe se amosaba en público de preceder os textos de estudos filolóxicos “que acentúan o pracer da lectura xa que permiten situar mellor aos dous autores no seu contexto cultural, social e histórico”.

Méndez Romeu salientou tamén a “preciosa” edición que prestou unha atención á tipografía da letra, ao deseño da tapa e a selección de ilustracións. Deste xeito a obra non é só unha obra de lectura senón “unha obra fermosa que adoitamos ter nas mans” e que permite profundar, alén da literatura, na compoñente cultural do que significa o libro como “produto decantado ao longo da historia” recuperando así a nobre arte da edición que ás veces se perde por razóns comerciais.

O conselleiro recoñeceu que para el foi motivo de “honra e de ledicia” que o padroado da edición da obra lle propuxera formar parte do mesmo por dous motivos. Por un lado, por participar no proxecto a Fundación Rosalía de Castro “unha institución importante no país -dixo Méndez Romeu- por ser rica na consideración do patrimonio inmaterial de Galicia”. O titular de Presidencia tivo palabras de hálito para o labor da Casa Museo de Rosalía de Castro que cualificou como “un lugar senlleiro, un fito seminal na recuperación da lingua moderna do país e na translación dunha forma de entender Galicia na que hoxe todos os galegos se senten reflectidos e cómodos”. Para Méndez Romeu esta foi a grande achega da escritora galega e que converte a Rosalía de Castro, ademais de nunha gran escritora, “nunha muller que fai posible, desde a súa sinxeleza, a recuperación dunha forma de entenderse así mesmos os galegos”.

Doutra banda, por tratarse de dous institucións dedicadas á recuperación de ambos escritores xa que, en palabras do conselleiro, “é un deber apoiar as iniciativas de recuperación de obras que forman parte dun patrimonio cultural universal”. Hoxe en día, engadiu Méndez Romeu, hai moitas iniciativas que estreitan os lazos con Portugal nos ámbitos económicos, comerciais, científicos pero “é necesario impulsar de xeito decidido a cooperación cultural entre institucións de ambos lados de esa liña imaxinaria do Miño”. Por iso, sentenciou o conselleiro “queda moito por facer”.

Por último, o conselleiro alentou á Fundación Rosalía de Castro neste labor de recuperación e de cooperación con institucións semellantes de Portugal e garantiu o compromiso do Goberno galego de buscar fórmulas que fagan doado que “unha institución altruísta poida xogar ese papel estratéxico que ao final todos recoñecemos e consideramos imprescindible, contribuíndo a algo que forma parte do devenir de calquera institución política pero que non sempre acertamos para poder levalo a bo porto”. Méndez Romeu amosou o seu desexo de que “esta obra sexa o comezo dunha relación frutífera entre ambas sociedades, ambas institucións e ambos dous países”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia