Skip to main content

A Xunta aínda negocia con Pescanova os proxectos acuícolas de Lugo

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, afirmou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que os proxectos acuícolas que Pescanova ten previsto instalar en Galicia e está a negociar coa Xunta, concretamente en Ribadeo e Xove, “duplican o volume de investimento e capacidade de produción” do proxecto inicial previsto para Touriñán. “Duplican a capacidade de produción prevista para Touriñán ao igual que o investimento”, salientou.

O máximo mandatario galego respondeu así ao que considerou “unha falsa apreciación” que o proxecto Touriñán marche para outro país porque, tal e como indicou, “en Galicia se traballa nunha alternativa e ademais, se o proxecto marcha, será para Ribadeo ou Xove”. Nestes dous emprazamentos, tal e como destacou o presidente da Xunta, é onde a empresa proxecta a construción de dúas novas plantas acuícolas a e ampliación dunha terceira que xa ten a empresa. Así Touriño destacou que hai proxectos que duplican amplamente a previsión de Touriñán.

O desafío da acuicultura

“Antes podíase facer tabula rasa e podíanse destrozar os espazos naturais e se aplaudía e agora hai crecemento e emprego e alternativas para acuicultura pero salvagardando os íconos deste país” salientou Touriño. O presidente galego indicou que neste enunciado se atopa o desafío e que a Xunta “vai ser capaz de gañalo”.

En canto aos proxectos de Pescanova en Galicia , Pérez Touriño salientou que no pasado mes de maio se tramitou a declaración de interese supramunicipal para dous proxectos que se levarán a cabo en Ribadeo e Xove así como a ampliación da planta neste último municipio lugués. Destacou así que a Xunta está a tramitar tres proxectos de plantas de acuicultura de Galicia por parte da empresa Pescanova. Ademais explicou que o vindeiro día 15 de xaneiro se celebrará unha xuntanza entre as diferentes consellerías implicadas xunto coa empresa para analizar o punto actual e seguir cos proxectos en marcha.

Plan galego de acuicultura

O máximo mandatario galego explicou ademais que a Xunta coñeceu un informe oral sobre o Plan Galego da Acuicultura que o venres vai ser presentado ao sector e que prevé a ubicación de 13 novos proxectos no litoral galego. Os espazos previstos no plan cumpren con todos os requisitos ambientais e normas urbanísticas, e todos elas se atopan fóra da Rede Natura 2000. O xefe do Executivo galego anunciou que o Goberno ten como obxectivo que no primeiro semestre do ano en curso se faga efectivo o Plan Galego da Acuicultura.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia