Skip to main content

O sector servizos, clave no crecemento económico de Galicia en 2006

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou que o “vigoroso comportamento” mantido pola economía galega no 2006, reflectido en todos os indicadores, debe ser aproveitado para dar neste ano un “impulso” que garanta o “despegue definitivo” no terreo da converxencia con España e con Europa.

Así o destacou o máximo mandatario galego na reunión mantida co novo Consello Reitor da Sección Noroeste da Asociación para o Progreso da Dirección, xuntanza na que estivo acompañado polo conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e na que aproveitou para facer unha diagnose da evolución da economía galega en 2006 e das perspectivas para o novo ano.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño trasladou aos membros do Consello a aposta do Goberno que preside por impulsar en Galicia un modelo de desenvolvemento que “poña o acento” no coñecemento e na innovación , un modelo que sexa capaz de trasladar ao sistema produtivo a “capacidade de innovar, de engadir valor, de crear produto, de xerar marca e de crear diferenza” de xeito que permita crear en Galicia unha “competitividade selectiva” dos sectores económicos para, así, “seguir avanzando na presenza internacional” das empresas galegas ao tempo que se xera un clima favorable para o investimento no país.

Consolidar o crecemento

“Temos que consolidar as liñas mestras do traballo que iniciamos en 2006. O 2007 é un escenario de oportunidade magnífico porque partimos dunha plataforma de confianza, de solvencia, de marcha da economía que debe permitir consolidar esa traxectoria de forma significativa. Debemos aproveitar o impulso de 2006 para ese despegue definitivo no terreo da converxencia”, salientou.

Para acadalo, o presidente aludiu a tres prioridades estratéxicas do modelo de desenvolvemento económico que impulsa o seu Goberno e que se traduce nas apostas pola educación e a formación de capital humano; polo capital tecnolóxico e a I+D+i e polas infraestruturas.

Impulso ao capital humano

No primeiro terreo, Emilio Pérez Touriño salientou que os orzamentos da Xunta para este ano destinan 2.200 millóns de euros á promoción da educación e a formación de capital humano, que permitirán, entre outros aspectos, impulsar o desenvolvemento do II Plan de Formación Profesional de xeito concertado co sector empresarial. O presidente significou que o incremento acumulado neste ámbito nos dous presupostos aprobados polo seu Goberno, dun 18%, case se cumpre o obxectivo do 20% marcado para a toda a lexislatura.

Polo que atinxe á área de I+D+i, o presidente aludiu a que en dous anos se incrementou o orzamento destas políticas nun 63%, o que permitiu aprobar dous plans “decisivos”: o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e o Plan Galego para a Sociedade da Información, cun orzamento conxunto de 1.600 millóns de euros. O presidente incidiu en que estes plans marcan obxectivos ambiciosos como o de incentivar ás empresas para que acheguen o 50% do esforzo en I+D+i ou de duplicar o número de investigadores en Galicia, ata os 10.000, “ligándoos á actividade produtiva”, ao tempo que se pon en marcha unha rede de centros de excelencia conveniados co Goberno central.

En terceiro lugar, o presidente aludiu aos 1.500 millóns de euros consignados este ano para o investimento as infraestruturas e xeración de solo empresarial “que o país necesita”. Un presuposto que debe servir tamén para culminar o saneamento, depuración e abastecemento de auga e que se debe completar co compromiso do Goberno de España para garantir a conexión por AVE da rede de cidades galegas coa capital do Estado en tres horas. “Estou en disposición de encabezar ese compromiso”, significou.

Protagonismo de empresarios e axentes sociais

Na súa intervención, o presidente aludiu a que estas apostas estratéxicas deben servir para avanzar na senda da converxencia impulsada polo bo comportamento da economía galega no pasado ano, uns “bos resultados” que, dixo, estiveron protagonizados polos empresarios galegos e polos axentes sociais e a súa capacidade de diálogo e compromiso.

A este respecto, Emilio Pérez Touriño remarcou que ao longo do pasado ano a economía de Galicia demostrou un comportamento “vigoroso” que a levou a medrar máis que a media española e europea por cuarto trimestre consecutivo. “Galicia consolidou a fase expansiva da economía galega, dinamizando o ritmo de crecemento ata o punto de concluír o ano cun crecemento do 4% interanual. Facía anos que isto non ocorría na economía de Galicia. Polo tanto é un dato extraordinariamente positivo”, salientou.

Ampla onda expansiva

Xunto a este dato, o presidente incidiu en que se trata dun crecemento “máis equilibrado” dado que afectou a todos os sectores. Así, indicou que os sectores máis importantes da economía galega creceron a ritmos de entre o 3,5% ao 4,3%, e que a “ampla onda expansiva” beneficiou a sectores clave como a enerxía, a industria, os servizos ou a construción.

A este respecto, rexeitou que o crecemento económico pivotase sobre este último sector pois o protagonismo recaeu especialmente no sector industrial. Así, remarcou que a comunidade liderou o crecemento do indicador de produción industrial, acadando as maiores cotas de España tanto a nivel interanual (12,5 puntos de incremento) como nos once primeiros meses do ano pasado (7,6 puntos), o que supuxo triplicar a evolución deste indicador no conxunto do Estado.

Pérez Touriño incidiu en que este bo comportamento se estendeu a sectores como o do naval, o metal ou o automóbil, datos que contrastan coa “atonía” amosada en anos anteriores.

Tirón do sector servizos

Porén, o presidente puxo o acento en que o maior determinante do crecemento da economía galega foi o sector servizos, pois dos 4 puntos de crecemento da economía 1,7 son atribuíbles a el, o que equivale a dicir que practicamente o 45% do crecemento da economía galega se sustentou nas actividades terciarias privadas.

Respecto do turismo, o máximo mandatario galego tamén resaltou a “notable recuperación” de viaxeiros (3,4 millóns de visitantes) como de pernoctacións (7,3 millóns) o que levou o sector a achegarse aos datos do Xacobeo 2004.

Outra das “compoñentes básicas” do bo comportamento de 2006 atribuíuno o presidente ao sector exterior. Así, incidiu en que o crecemento das exportacións acadou o 25%, o que permitiu obter unha taxa de cobertura do 106% en comparación co resto de España, pois as exportacións superaron ás importacións.

Asemade, puxo de manifestou que tamén na creación de empresas despuntou a economía galega pois entre xaneiro e outubro de 2006 se crearon 5.850 sociedades mercantís, un 10% máis que no mesmo período do ano anterior.

Mercado laboral

Estes datos económicos teñen o seu correlato no comportamento do mercado laboral. Así, sostivo que todas as fontes de información (a EPA, a afiliación á seguridade social ou os datos do paro rexistrados polo Ministerio de Traballo), confirman unha radiografía do mercado laboral “extremadamente esperanzadora e positiva” para Galicia. Así, creáronse máis de 34.000 empregos en 2006 e a afiliación á seguridade social aumentou na mesma orde, con taxas interanuais superiores ao 3%, o que permitiu acadar a menor taxa de paro do último cuarto de século, ao situarse no 7,3%, por debaixo da estatal.

Nesa liña, incidiu que, descontada a incidencia do proceso de regularización de inmigrantes, nos últimos cinco meses do ano Galicia acadou unha taxa de afiliación á seguridade social superior á estatal, o que permitiu acadar a cifra de 41.000 cotizantes novos, dato que “desbordou” as previsións máis optimistas manexadas polos analistas.

Ademais, o número de mulleres ocupadas creceu en 32.000, o que equivale a dicir que 9 de cada 10 postos de traballo foron destinados a mulleres. O presidente significou que este foi o colectivo máis beneficiado pola mellora do mercado laboral, o que se veu reflectido en que a taxa de paro feminino se situara por debaixo do 10% cando se pechou 2004 cunha taxa do 18.4%.

Por todo elo, o xefe do executivo galego concluíu facendo un chamamento para que os empresarios galegos sigan apostando por Galicia e por crear actividade, emprego e riqueza, para facer posible “o mellor futuro” para a comunidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia