Skip to main content

Pesca e a Confraría de Lira traballan para crear a reserva mariña Os Miñarzos

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e representantes da Confraría de Lira mantiveron unha xuntanza na Consellería, na que tamén estivo presente o director xeral de Recursos Mariños, Francisco Fernández Cortés. O obxectivo deste encontro foi a presentación do informe da
memoria biolóxica da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”, a primeira área marítima protexida do litoral galego, na que están a traballar conxuntamente o departamento de Pesca e a Confraría de Lira.

O informe presentado polo pósito coruñés mostra unha fotografía do
estado actual da zona, que será de grande utilidade unha vez que o
proxecto bote a andar xa que permitirá calibrar con exactitude a
evolución dos recursos. De feito, unha das finalidades de “Os Miñarzos”
será acadar unha explotación sostible das especies que se atopan nesta
zona. Para isto, apostarase por establecer medidas de protección
específicas en áreas delimitadas a tal efecto, o que permitirá mellorar
as condicións de reprodución das especies de interese pesqueiro,
garantindo a súa expansión e desenvolvemento.

A Reserva Mariña “Os Miñarzos”, que se está gestando entre a Consellería
de Pesca e o pósito de Lira, segue a liña dos obxectivos definidos polo
Fondo Europeo da Pesca, tanto no que se refire a fomentar a protección do
medio ambiente e dos recursos naturais, como a promover o desenvolvemento
sostible e a mellora da calidade de vida nas zonas nas que se exercen
actividades de pesca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia