Skip to main content

A Consellería de Traballo investirá 300.000 euros na apertura dunha oficina de emprego en Noia

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou que a Consellería de Traballo investirá máis de 300.000 mil euros na construción da oficina de emprego que se instalará no concello de Noia. Deste xeito, Traballo cumpre “unha vella reivindicación da comarca”, xa que “esta oficina da emprego solucionará o problema de desprazamento dos veciños e aliviará a saturación dos centros de Boiro e Cee”, salientou Varela.

O responsable de Traballo, que ofreceu unha conferencia na Casa da Cultura de Noia, sinalou que unha das ferramentas para incidir no problema do desemprego é o Servizo Público de Emprego (SPE). A función primordial deste organismo, dependente da Consellería de Traballo, é a intermediación pero, segundo destacou Varela, “atopámonos cun servizo falto de eficacia na intermediación, cunha carencia de planificación na mellora da empregabilidade de cada demandante, sen procedementos para valorar o nivel de competencia profesional dos desempregados e cuns recursos humanos desmotivados”.

Por iso, Varela explicou que Traballo está a levar a cabo unha reforma en profundidade da rede de oficinas de Galicia, redefinindo as funcións e procesos que deberán realizar as oficinas; potenciando os procesos de automatización de cargas de traballo das oficinas de emprego. Tamén destacou que a través dos puntos de información en concellos facilitaráselles aos demandantes a súa relación co SPE ou a través do portal de emprego permitiráselles, de xeito integrado e interactivo, a automatización dos procesos antes descritos e a xestión das ofertas de emprego.

Nese senso, o conselleiro indicou que a través do proceso de Diálogo Social definíronse os diferentes elementos que debe ter o SPE. Por unha banda, determináronse cales son as necesidades do mercado de traballo a través do Comité Autonómico de Emprego e, por outro lado, as Comisións Provinciais planifican e fixan os criterios de actuación nas medidas de mellora da empregabilidade.

O conselleiro sinalou que o acordo do Diálogo Social alcanzado sobre o Servizo Público de Emprego tamén establece que os demandantes poderán ser incluídos en procesos de comprobación de profesionalidade dependendo da súa experiencia laboral, da formación de tipo profesional acadada e do grao de aceptación no envío a ofertas. Así poderase valorar a súa empregabilidade e determinar que aspectos serán necesarios nos seus itinerarios de inserción profesional.

O responsable de Traballo remarcou que os itinerarios de inserción profesional constitúen unha ferramenta imprescindible para coñecer as diferentes medidas de mellora da empregabilidade que precisa cada demandante en cada ocupación coa finalidade de acadar niveis de inserción laboral axeitados aos seus requirimentos.

Por outra banda, Ricardo Varela avanzou que a Consellería de Traballo establecerá unha compensación económica para os demandantes que non perciban prestacións. Esta estará vencellada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario de inserción e equivalentes ao 75% do IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples) para os demandantes de longa duración e para as mulleres que se incorporan a ocupacións nas que están subrepresentadas. Esta contía incrementarase ata o 100% do IPREM se os demandantes teñen cargas familiares.

O situación do desemprego

En Galicia rexistráronse de media en 2005 un total de 172.070 demandantes de emprego, o que supón un 8’5% do total do Estado. A vista destas cifras, Varela declarou que “estamos por riba da que nos correspondería tanto por peso de poboación de mais de 15 anos (6’7 %) como polo volume de afiliacións á Seguridade Social (5’6 %)”.

No último ano a situación do paro en Galicia está evolucionando positivamente, xa que o paro rexistrado reduciuse, de media anual, en 10.795 demandantes ata acadar unha cifra de 161.276 inscritos. Segundo apuntou o conselleiro de Traballo “estes resultados amosan unha clara tendencia á converxencia de Galicia co Estado, xa que se reduciu neste ano un 7% do peso de Galicia na media estatal”. Así mesmo, apuntou que “na comarca de Noia en decembro de 2005, había 2.014 demandantes de emprego inscritos, mentres que en decembro deste ano hai un 7,6% menos; hai 153 demandantes menos”.

Varela engadiu que o 61% dos demandantes en Noia son mulleres, porcentaxe que na Comunidade ascende ata o 62,5%. “En Galicia mentres hai 13 homes por cada 10 mulleres afiliadas á Seguridade Social; por cada 10 homes inscritos no paro hai 17 mulleres”, destacou.

A formación profesional como piar para o acceso ao mercado laboral
Segundo os datos cos que conta o departamento que dirixe Ricardo Varela, o 76% dos demandantes e o 61% dos menores de 30 anos carecen de formación de tipo profesional. Ante esta situación, unha da liñas estratéxicas para a Consellería de Traballo é a nova Formación Profesional que está orientada a adquisición da competencia profesional que demandan as empresas.

Deste xeito, e para poder planificar unha formación orientada ao emprego, “o primeiro paso foi detectar cales son as necesidades do mercado e así deseñar a formación requirida ademais de comprobar que a formación ofertada responde ás necesidades reais do mercado”, declarou o conselleiro.

Varela recordou que o segundo obxectivo foi a determinación clara das prioridades de formación por territorio en función das necesidades detectadas, así como establecer fórmulas de avaliación do sistema: planificación, impartición, tendencias sectoriais, calidade e resultados da mesma.

O representante da Xunta indicou que a partir do Catálogo Nacional das Cualificacións teranse que revisar os actuais títulos de formación profesional específica e os certificados de profesionalidade para a formación ocupacional e continua e adaptalos ás cualificacións aprobadas.

Ademais, apuntou que o novo modelo de formación leva asociado un sistema de avaliación, recoñecemento e acreditación, que se baseará na demostración da competencia profesional, independentemente da forma de adquisición desta formación.

Tal e como apuntou o responsable de Traballo, “estamos ante un sistema de formación para o emprego que, en último termo, busca responder aos requirimentos por parte das empresas, contar cuns recursos humanos preparados, e por outro lado dar respostas ás necesidades das persoas, así como aumentar as súas posibilidades de emprego e de progreso na súa carreira profesional”.

A situación demográfica

O representante da Xunta de Galicia sinalou que Galicia ten un problema demográfico que “debemos resolver”, xa que a relación entre a mocidade que debe incorporarse (de 20 a 24 anos) e as persoas que deben saír do mercado de traballo (de 60 e 64 anos) é alta. Segundo os datos que apuntou Varela, “por cada 4 que poden entrar, están 3 en idade de saír, isto quere dicir que dentro de tres anos, de se manteren as taxas de actividade, non haberá posibilidades de substituír aos maiores”.

Ademais, o saldo migratorio de Galicia é negativo en case 600.000 persoas. “O paragóxico da nosa demografía é que dunha banda, en tres anos necesitaremos a incorporación de novos activos dos que carecemos e, doutra, hai 793.000 galegos fora de Galicia”, declarou o conselleiro, quen engadiu que “a situación require propiciar unha política de incentivación de retorno entre os emigrantes”.

Para acadar este reto, “a través da Consellería de Traballo ofrecerémoslles a formación que precisan para incorporarse a un posto de traballo en Galicia e facilitarémoslles ofertas de emprego específicas para ese colectivo”, dixo Varela. Esta decisión foi acatada no seo do proceso de Diálogo Social no acordo sobre Obxectivos e Medidas de Emprego, no que se establece que os retornados xunto con inmigrantes doutras áreas, suporán un incremento da poboación de 82.500 persoas.

“De aí a necesidade de adecuar o Portal de Emprego cara a inscrición de emigrantes galegos e os seus descendentes como demandantes emigrantes con vontade de regreso”, declarou.

Ricardo Varela avanzou que a Consellería impartirá cursos con compromiso de colocación que sexan asinados en Galicia por unha empresa ou grupo de empresas, xa que “agora fan falta todos os galegos, os de aquí e os de fóra”, defendeu o representante da Xunta de Galicia.

O proceso de concertación social

Segundo destacou Varela “este proceso constitúe un dos alicerces fundamentais para construír e consolidar unha sociedade máis desenvolvida, con emprego estable e seguro, de benestar social e de cohesión do propio territorio”, defendeu Varela.

Ata o momento os froitos do proceso de concertación foron a Lei de creación do instituto galego de seguridade e saúde laboral. Varela indicou que se trata dun órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais para a xestión e coordinación das políticas en materia de seguridade, hixiene, e saúde laboral coa finalidade de mellorar as condicións de traballo e eliminar ou reducir en orixe os riscos inherentes ao traballo.

O conselleiro salientou que o segundo acordo fai referencia ao Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais 2006-2010 que establece as políticas que se desenvolverán no marco da seguridade e saúde laboral que deben partir, necesariamente, dunha formulación global de benestar no traballo e dun contorno de traballo de calidade.

Outro dos froitos do Diálogo Social foi “a modificación da Lei do Consello Galego de Relacións Laborais” que, ademais de converter ao Consello nun organismo con autonomía, “obtivo personalidade xurídica e capacidade de obrar para acadar os fins que ten encomendados modificar as funcións e determinadas normas de funcionamento do Consello coa finalidade de ampliar o seu campo de acción”, indicou o conselleiro.

Ricardo Varela salientou que o Novo modelo do Servizo Público de Emprego foi o cuarto dos acordos. O obxectivo é acadar unha maior eficiencia e eficacia nas súas funcións como instrumento de intermediación e de promoción do emprego no mercado laboral galego.

O quinto acordo foi sobre os Obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que define “os retos concretos e mensurables a acadar en materia de emprego neste período, coa finalidade de converxer coa media do Estado e coa de Europa”, declarou Varela. Tamén define as medidas e recursos que se implementarán cara á consecución dos obxectivos, así como os indicadores de avaliación dos mesmos.

O último acordo alcanzado foi sobre a Formación para o emprego, que “dotará a Galicia dun modelo de formación para o emprego transparente, público, gratuíto, eficaz e con recursos suficientes”, salientou o conselleiro de Traballo. Os axentes económicos e sociais consideran a formación para o emprego como un eixe vertebrador no desenvolvemento da vida económica, industrial e social, e asígnalle como obxectivo, proporcionar aos traballadores a formación axeitada ás necesidades de promoción persoal, aos requirimentos do mercado de traballo e ás necesidades das empresas, contribuíndo á mellora da produtividade e da competitividade das mesmas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia