Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia presenta o Curtas 06 en Clermont Ferrand

Tras catro anos de afianzamento do programa Curtas de promoción da curtametraxe galega a nivel nacional e internacional, o Consorcio Audiovisual de Galicia presenta a súa última edición, o Curtas 06, no marco do mercado máis importante deste tipo de producións en Europa, o Short Film Market de Clermont Ferrand, que terá lugar do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro na citada cidade francesa.

O Consorcio contará cun stand paraugas xunto con outras 7 comunidades autónomas onde, entre outras actividades, manterá reunións con organismos, distribuidoras e canles de TV para dar a coñecer a produción galega de curtametraxes, incluíndo unha proxección o día 1 de febreiro das obras “Botellón” e “El castigo”, dous proxectos que forman parte do catálogo Curtas 06.

A convocatoria do Curtas 06 saíu publicada o día 30 de agosto do 2006, finalizando o prazo para a inscrición o 29 de setembro. As curtametraxes tiñan que cumprir o requisito de estar producidas entre o 1 de abril de 2005 e o 31 de xullo de 2006.

Para a selección das curtametraxes que conforman o catálogo, reuniuse unha Comisión de selección que estivo formada por profesionais e expertos da talla de José Luís Rebordinos, director da Semana Internacional de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián e membro do Comité de Dirección do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, e José Luís Cienfuegos, director do Festival de Xixón.

Esta comisión decidiu por unanimidade incluír unha curtametraxe a maiores das cinco que se viñan contemplando nas anteriores edicións debido á grande variedade en canto a xéneros dentro dos proxectos presentados. Tamén destacaron a elevada participación das Escolas de Imaxe e Son, incluídas este ano dentro da convocatoria entre outras novidades, como a subtitulación ao francés do catálogo.

“As cores do frío” e “Retrato dun home pensativo” da EGACI; “Botellón” de 5 Manías S.L.; “El castigo” de Isabel Ayguavives, “Pechados” do Master en Creación e Comunicación Dixital da UDC e “JEDN” de IB Cinema son as producións que conforman un dos catálogos máis completos dos últimos anos, no que están presentes a ficción, a animación e a curta documental.

Despois do éxito dos Curtas 03 e Curtas 04, a traxectoria do Curtas 05 seguiulle os pasos ás súas predecesoras no que a premios e solicitudes por parte de organismos e festivais se refire. As curtametraxes do catálogo estiveron premiadas nunha ducia de festivais, entre eles: Naoussa (Grecia), Alpinale (Austria), Cambrils, TIFF (Albania), Cinemaljavir. Tamén se recibiron solicitudes de institucións coma o Instituto Cervantes ou a Rede MECAL de distribución, grazas á cal as curtas participaron en dúas xiras en Brasil e Venezuela.

O compromiso do Consorcio coa produción da curtametraxe en Galicia dá un paso máis coa organización dun obradoiro sobre a realización de curtametraxes, titorizado polos directores Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga. Esta actividade, que comezou a deseñarse no 2006, realizarase en colaboración co KIMUAK – programa de promoción da curtametraxe da Filmoteca Vasca -. Nacho foi nomeado ao Oscar á mellor curtametraxe no ano 2004 por “7:35 de la mañana” e está a piques de estrear a súa primeira longametraxe e Borja é candidato ao Oscar na edición deste ano por “Éramos pocos”.

Tanto a candidatura de Borja como a presentación da nova película condicionarán a data final do curso, que en principio está previsto para o mes de abril.

O curso, de carácter teórico – práctico, pretende amosar tódolos pasos da creación dunha curtametraxe, incidindo en temas como o guión, a planificación
da rodaxe, a montaxe, a edición do son, a música e a distribución, na que tanto Nacho como Borja teñen moito que aportar aos participantes do obradoiro.

Os destinatarios desta actividade serán: directores, guionistas, técnicos (fotógrafos, montadores...), ou actores que participaran nalgunha obra audiovisual (preferentemente de ficción) e se atopen en fase de desenvolvemento dun novo proxecto. Nas xornadas combinaranse as explicacións teóricas dos profesores, os visionados, a exposición de experiencias, xunto coa análise dos proxectos de curtametraxes presentados polos alumnos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia