Skip to main content

A Xunta modificará a lexislación para regular a situación dos ex presidentes de Galicia

A Xunta modificará a Lei do Consello Consultivo de Galicia e da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente para regular a situación dos ex presidentes do Goberno galego, segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu.

Na actualidade, a situación dos ex presidentes está regulada polo Decreto 182/1990 do 1 de marzo, que establece que nos dous anos inmediatamente posteriores terán dereito ao 70% do salario asignado ao presidente –o que supón, no ano 2007, 50.000 euros anuais-, a ter unha persoa ao seu servizo -funcionario ou contratado pola Administración-, a un vehículo de representación do parque móbil da Xunta e a un condutor; ademais das honras protocolarias, que teñen carácter vitalicio.

Así, coa modificación da normativa vixente, os ex presidentes poderán converterse en membros natos do Consello Consultivo, órgano que ten funcións de asesoramento á Administración e que hoxe está formado por cinco membros electos designados polo presidente da Xunta. Así, os ex presidentes ostentarán o seu mandato por un período de doce anos non renovable, agás no caso de seren nomeados conselleiros electivos. Méndez Romeu indicou así mesmo que as retribucións no ano 2007 son duns 68.000 euros para os membros do Consello.

Compromiso do presidente

No que se refire á modificación da Lei da Xunta e do seu Presidente, o conselleiro explicou que a modificación deixa en mans do Goberno -mediante un decreto- as compensacións e os medios que se adscriban aos ex presidentes que non se incorporen ao Consello Consultivo. O titular de Presidencia asegurou que esta iniciativa trata de dar cumprimento a un compromiso expresado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no seu discurso de investidura.

Así, segundo Méndez Romeu, trátase de “buscar unha solución digna e que signifique unha contrapartida para a propia Comunidade Autónoma”, para que os ex presidentes poidan ofrecer o seu coñecemento para asesorar ao propio Goberno de Galicia. O conselleiro comparou esta medida coas situacións existentes tanto no Consello do Estado, onde os ex presidentes do Goberno teñen carácter vitalicio, como nas principais comunidades, nas que se opta de maneira similar por aproveitar a experiencia e o bagaxe intelectual dos anteriores mandatarios.

De conformidade co establecido no apartado 7 do artigo 11 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, “O Presidente da Xunta, en razón ao seu cargo, ten dereito a... Recibir con carácter vitalicio o tratamento de excelentísimo señor e as honras protocolarias e as precedencias establecidas na lexislación vixente e a que, se é o caso, dite a Comunidade Autónoma.

Os ex Presidentes terán dereito a percibir durante o prazo de dous anos despois do seu cese as compensacións económicas e os medios e servizos que se establezan por Decreto da Xunta de Galicia e se consignen orzamentariamente”.

Este precepto foi desenvolvido polo Decreto 182/1990, do 1 de marzo, polo que se determinan as percepcións, medios e recursos asignados ós ex presidentes da Xunta de Galicia e as precedencias que lles corresponden, e que se concretan nas seguintes:

1. Nos dous anos inmediatamente posteriores ao seu cesamento:
ß O 70% da cantidade asignada ao Presidente da Xunta. Isto é 50.037 euros para o ano 2007.
ß Unha persoa ao seu servizo (funcionario da Administración autonómica de nivel 18, ou persoa contratada por esta Administración).
ß Un automóbil de representación (do parque móbil da Comunidade Autónoma).
ß Un condutor da Administración autonómica

2. Con carácter vitalicio:
ß Situarse no lugar inmediatamente posterior ao Presidente da Xunta nos actos organizados pola Comunidade Autónoma dentro do seu territorio (precedencia individual).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia