Skip to main content

Traballo persoarase como parte na actuación xudicial contra a explotación de traballadores na construcción

A Consellería de Traballo tomou a decisión de persoarse como parte na actuación xudicial que se derive da desarticulación dunha organización que introducía en Vigo e noutras cidades españolas traballadores da construcción en situación irregular.

A decisión de persoarse como acusación particular no proceso xudicial contra a devandita organización tómase en virtude da liña programática aberta o pasado mes de decembro pola Consellería para intervir de forma directa ante as cuestións relativas a explotación laboral. Así pois, este departamento da Xunta examina de forma exhaustiva as situacións nas que se observan fórmulas irregulares de contratación, de emprego, de condicións de traballo ou de prevención de riscos laborais.

De feito, o departamento que dirixe Ricardo Varela pretende facer das actuacións nas que se observe un cadro de explotación laboral un obxectivo conxunto do Goberno galego e da Administración xeral do Estado.

Por outra banda, a Consellería de Traballo ten constancia do malestar que xeran este tipo de prácticas entre a cidadanía. Sobre todo, é consciente de que afectan especialmente ao empresariado do sector no que se teñen rexistrado irregularidades.

O convenio asinado en maio do pasado ano pola Consellería de Traballo e a Fiscalía de Galicia permite intensificar a eficacia e a colaboración contra este tipo de delitos. Correspóndelles aos poderes públicos, de acordo co Estatuto dos Traballadores, deseñar un sistema eficaz de proteción da seguridade e saúde laboral no traballo, así como de salvagarda dos dereitos dos traballadores, no que conflúen diferentes normativas de ámbito europeo, nacional ou autonómico. Sen embargo, esta tarefa dos poderes públicos non é posible realizala sen a colaboración de todos os axentes implicados na proteción: traballadores, empresarios, asociacións e axentes sociais.

Así pois, o convenio de colaboración ten por obxectivo rendibilizar ao máximo os esforzos das distintas administracións e dos corpos de seguridade neste ámbito. Por iso uns dos puntos prioritarios que recolle son a coordinación da actividade administrativa e xudicial; facilitar o labor do Ministerio fiscal e do xulgado de instrucción para os efectos de identificar os supostos penalmente relevantes; comunicar con celeridade e eficacia o coñecemento dos sinistros ou delitos; evitar que se acumulen ante o Ministerio fiscal e ante o xulgado de instrucción expedientes que quedan claramente á marxe de calquera responsabilidade penal; e optimizar os recursos destinados á persecución dos delictos e infraccións administrativas de risco por infracción da normativa.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia