Skip to main content

O IES Melide recibe o Premio á Innovación Educativa sobre as enerxías renovables en Galicia

O IES de Melide acaba de recibir a confirmación oficial de que o seu traballo sobre o aforro enerxético recibiu o primeiro dos “Premios á innovación educativa sobre as enerxías renovables en Galiza”, convocados pola Consellería de Educación e polo INEGA (Instituto Enerxético de Galicia, entidade dependente da Consellería de Industria). O premio, que lle foi outorgado en concorrencia libre con traballos procedentes doutros moitos centros galegos, está dotado con 15000 euros que deberán ser investidos na dotación dunha aula-laboratorio de enerxías renovables. Trátase dun premio que é compartido con outro traballo dun IES d'As Pontes, aínda que a cada un dos dous centros lles corresponde a dotación de 15000 euros á que se fixo referencia.

No presente comunicado de prensa explícase de xeito conciso o contido do traballo, ao tempo que se tenta transmitir a ledicia de toda a comunidade educativa do IES Melide polo recoñecemento obtido, toda vez que se premia, á fin a ao cabo, un traballo desenvolvido durante un longo período de tempo por un grupo importante de profesores e profesoras do Centro.

Resulta evidente que todo sistema precisa de enerxía para o seu funcionamento. Porén, non pode esquecerse que, segundo os datos da ONU, o 80% dos problemas ambientais están relacionados, sexa dunha forma directa ou indirecta, coa produción e o uso da enerxía. Así, das tres vertentes desde as que se pode enfocar o problema enerxético -investigación e desenvolvemento de novas fontes de enerxía, mellora da eficacia no seu consumo e modificación de actitudes, valores e hábitos- o traballo centrouse nas dúas últimas dunha forma máis directa, intentando que o alumnado perciba paseniñamente a necesidade de practicar medidas de aforro e eficiencia enerxética, para o cal se cre necesario que modifique actitudes, asuma valores e interiorice hábitos. Con estas premisas, un grupo interdisciplinar de profesores e profesoras do IES de Melide desenvolven -o traballo segue realizándose na actualidade- durante os dous últimos cursos académicos un traballo sobre o aforro e a eficiencia enerxética nun centro de ensino; tal centro de ensino é considerado desde a perspectiva teórica, como un sistema máis.

Basicamente, o traballo levado a cabo pode resumirse nunha serie de accións como a realización dunha auditoría enerxética do centro que permitiu radiografar o uso da enerxía nas instalacións do IES Melide, así como a elaboración dun documento de traballo onde se recollen diferentes aspectos curriculares relacionados coa enerxía para que servise de aplicación inmediata na aula. Paralelamente, foron deseñados xogos didácticos que reflicten as diferentes situacións de malgasto e ineficiencia enerxética fronte a outras situacións que alentan o aforro enerxético. Celebráronse tamén certames, concursos e realizáronse convocatorias, coa posta en marcha nas aulas de medidas de aforro e eficiencia enerxética -tratábase de comprobar, por exemplo, cal era a aula que máis papel era quen de reunir nun concurso de reciclado-. Unha destas convocatorias foi especificamente o “Día sen vehículos motorizados” que, ademais de motivador, permitiu coñecer aspectos cuantitativos relativos ao aforro, medido este en toneladas de CO2 deixado de emitir á atmosfera.
Vese, pois, que o traballo realizado responde a problemas de máxima actualidade, pois mesmo nesta semana pasada o IPCC (Panel Intergobernamental para o Cambio Climático) na súa reunión de París facía fincapé no incremento de CO2 na atmosfera como consecuencia da actividade humana, e a súa relación co cambio climático.
Reiteramos a ledicia da comunidade educativa do IES Melide, e especificamente do equipo de profesores e profesoras directamente implicados no proxecto, polo premio que lle foi outorgado ao centro.
IES Melide