Skip to main content

O sistema estatístico de Galicia abordará novas operacións en formación, emprego e medio ambiente

No Programa anual 2007 preténdese levar a cabo a redacción dos proxectos técnicos de operacións estatísticas novas. Entre estas operacións, cómpre destacar varios proxectos relacionados coa formación e a inserción laboral, a sanidade, o medio ambiente, as empresas, o benestar e o uso do galego. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, presidiu a xuntanza do Consello Galego de Estatística na que se aprobou o Programa Estatístico correspondente ao ano 2007.

Deste xeito, empezarase a deseñar operacións como, “Enquisa anual ás empresas”, “Análise das listas de agarda”, “Sistemas de información sobre condutas de risco” e “Indicadores ambientais”. No marco das operacións estatísticas xa consolidadas, o Instituto Galego de Estatística (IGE) realizará en 2007 a “Enquisa de condicións de vida”, o “Marco input-output”, ou as “Contas económicas anuais e trimestrais”. Por outra banda, as Consellerías realizarán as operacións sectoriais, entre as que cabe sinalar “Conxunto mínimo básico de datos hospitalarios”, Datos estatísticos do sistema educativo ou “Superficies agrícolas”.

Por outra parte, o IGE abordará en colaboración coas diferentes consellerías os proxectos da “Enquisa aos demandantes de emprego”, “Sistema de indicadores da I+D+i”, “Enquisa da poboación inmigrante” e “Estatística sobre as prácticas lingüísticas da poboación en Galicia”. Os proxectos da “Enquisa social. Fogares e sostibilidade” realizarase en colaboración co INE e as demais comunidades autónomas, e o “Panel de inserción laboral dos titulados do sistema universitario galego” levarase a cabo en colaboración coa Axencia da calidade do sistema universitario galego (ACSUG).

Planificación por obxectivos

A nova Lei do Plan Galego de Estatística 2007-2011 inclúe unha planificación por obxectivos que permite a creación, organización e difusión do coñecemento estatístico acorde coas necesidades das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e dos cidadáns en xeral. A Lei recolle obxectivos informativos, organizativos e instrumentais.

Os obxectivos informativos queren dar resposta ás necesidades do conxunto da sociedade galega nos ámbitos do desenvolvemento e do benestar, así como mellorar as informacións relativas ao territorio, o medio ambiente e a demografía. Tamén se persegue analizar distintos ámbitos sociais e condicións de vida, e progresar no coñecemento do mercado de traballo e as súas tendencias. No terreo económico fíxase ademais como obxectivo consolidar o coñecemento da estrutura produtiva e ampliar a información relativa á ciencia e tecnoloxía.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia