Skip to main content

Presentado o Observatorio da Calidade e da e-Administración de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presentou o Observatorio da Calidade e da e-Administración de Galicia (OCEG), que vai permitir o seguimento da implantación de ferramentas de mellora da xestión pública e das tecnoloxías da comunicación no ámbito da administración.

O Observatorio da Calidade foi presentado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, quen cualificou este servizo como “unha fonte de información moi especializada de grande utilidade para o desenvolvemento da administración electrónica en Galicia”. Esta ferramenta amosa a través da páxina web www.ocegobservatorio.eu distintas informacións, documentos, experiencias, eventos e noticias importantes no ámbito das tecnoloxías, explicou o conselleiro “un ámbito que evoluciona con rapidez e, polo tanto, é preciso manter formación e información permanente” ao respecto.

Este portal está a disposición dos cidadáns, das empresas e dos traballadores da Administracións públicas. Foi desenvolvido conxuntamente pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas e a Dirección Xeral de Administración Local cun orzamento de 70.000 euros destinado á posta en marcha desta ferramenta, ao que habería se sumar outro volume de inversión para desenvolvemento de contidos que require a dedicación de 5 persoas que analizan e contrastan a información ofrecida.

A través deste observatorio, a Consellería de Presidencia fará seguimento, a través da elaboración de informes puntuais, da situación de Galicia en relación coa administración electrónica así como do nivel de incorporación de proxectos orientados á mellora da xestión que están cada vez máis presentes nas administracións e, polo tanto, no seu proceso de modernización. Neste sentido, cabe salientar exemplos como os da rede de comunicacións corporativas da Xunta de Galicia, dependente tamén desta Consellería, que acaba de se certificar coa norma ISO 9001, coa fin de fortalecer a súa calidade de servizo.

As medicións e estudos que o Observatorio leve a cabo estarán a disposición de todos os cidadáns, que as poderán consultar a través da súa páxina web. Neste sentido, incorpóranse os primeiros datos relativos ao nivel de utilización das TIC no ámbito local que, cunha actuación correspondente ao segundo trimestre de 2006, reflexan a participación de todos os concellos de Galicia. A actividade do observatorio permitirá coñecer os atrancos e uso dos servizos da e-administración, carencias, barreiras, evolución, boas prácticas, análise e avaliación dos resultados.

Adicionalmente o OCEG, ademais de facer públicos os resultados dos diferentes informes desenvolvidos pola Consellería de Presidencia, encargarase de integrar toda a información dispersa relativa a estes ámbitos do coñecemento (IGE, INE ou Eurostat, por exemplo) tales como estudos de interese para Galicia, estatísticas, informes sobre a situación actual ou de evolución dos usos dos servizos electrónicos ou ferramentas de calidade na administración.

Finalmente, o Observatorio da Calidade e da e-Administración recompilará as noticias máis destacadas vinculadas con estas realidades así como eventos e tendencias relacionados coas mesmas. Dita información de actualidade será publicada semanalmente a través dun boletín electrónico xunto cos contidos máis destacados de todas as súas seccións. A subscrición a este boletín será gratuíta a través da propia páxina web.

Polo tanto, co obxecto de medir e avaliar o nivel de incorporación tecnolóxica e de ferramentas de calidade da administración pública en Galicia, o departamento que dirixe José Luis Méndez Romeu pon en marcha a liña de acción do PEGSI, PUB-LA3, recentemente aprobada no consello da Xunta de Galicia celebrado o pasado 10 de xaneiro. Así, Presidencia pon en marcha unha das súas competencias, enfocada no espallamento da calidade e das TIC na actuación administrativa de xeito que se facilite o desenvolvemento de servizos electrónicos de calidade á cidadanía mellorando progresivamente a calidade de vida de todas as galegas e galegos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia