Skip to main content

O secretario xeral de Emigración di que tódolos estudantes de orixe galega deben ter ocasión de ir á universidade

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, sinalou, durante o acto de entrega de credenciais a 35 estudantes de orixe galega residentes no exterior que lles permitirán dispor dunha bolsa para cursar estudos no sistema universitario de Galicia, que ningún estudante galego, “independentemente de onde resida, debe estar privado dunha ocasión para desenvolver as súas potencialidades”.

Rodríguez subliñou que “os escenarios internacionais”, nos que actúan todos os estudantes universitarios beneficiados das bolsas da Consellería de Educación e a Secretaría de Emigración, “constitúen hoxe unha oportunidade de aprendizaxe inmellorable que outorga un valor engadido á formación persoal, e no futuro a unha inserción laboral nas mellores condicións e perspectivas”.

O programa de bolsas, do que son beneficiarios emigrantes galegos ou descendentes de emigrantes galegos residentes no estranxeiro con especiais aptitudes para o estudo e insuficiencia de medios económicos, amosa un dobre obxectivo. Por unha parte, contribúe “a aumentar as oportunidades de formación da nosa cidadanía máis dinámica e emprendedora mellorando a súa experiencia e os seus coñecementos, e por outra, consolida os vínculos de Galicia con aqueles mozos e mozas galegos ou descendentes de galegos que, nados e residentes en países estranxeiros, principalmente de Latinoamérica e Europa, atopan nestas bolsas de estudo un vehículo para a súa mellor formación profesional pero tamén afectiva cunha terra na que, a pesares da distancia, teñen fundidas as súas orixes”.

Trátase, resumiu Manuel Luís Rodríguez, dun “intercambio marcado por unha compoñente identitaria que o goberno galego quere aproveitar, pois que mellor que a xente moza e formada para transmitir a identidade galega no exterior”.

Rodríguez argumentou que a Secretaría Xeral de Emigración vén desenvolvendo no último ano e medio unha acción decidida en favor da xuventude galega residente no exterior, pois na medida que “dende Galicia sexamos capaces de manter vivo o vínculo da xente moza co noso país, estaremos en disposición de seguir garantindo os azos da terra galega coa emigración que emprendeu viaxe polo mundo dende hai varios séculos”.

A xuventude da emigración, que hoxe se converte “na mellor embaixadora deste país, configúrase como un elemento de enganche entre Galicia e os seus cidadáns no exterior. Afondar na súa formación é, nese sentido, un xeito de estreitar un tipo de vínculos que permiten á Galicia territorial contar cun capital humano que pode e debe de competir en igualdade de condicións”.

Un total de 22 mozas e 13 mozos de orixe galega residentes no estranxeiro recolleron as credenciais que lles dan dereito a recibir unha bolsa de estudo para a realización de estudos de 1º, 2º e 3º ciclo nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario Galego. Os 35 estudantes beneficiarios desta axuda proceden de Arxentina (5), Brasil (9), México (3), Uruguai (1), Estados Unidos (1), Venezuela (4), Alemaña (1), Andorra (2), Francia (1), Suíza (6), Portugal (1) e Liechtenstein (1).

As carreiras elixidas ocupan un amplo espectro de áreas e especialidades, e van dende a Enxeñería Xeolóxica ou de Camiños, Canais e Portos, a Dereito, Psicoloxía ou Filoloxía Francesa, pasando por Belas Artes, Veterinaria, Dirección de Empresas ou Económicas, entre outras. A Universidade de Santiago, coa recepción de 20 alumnos, é a institución que acolle á maioría dos mozos e mozas da emigración, seguida da Universidade de Vigo con 8 e da de Coruña con 7.

O secretario xeral de Emigración, que antes da entrega de credenciais aos estudantes asinou co alcalde de Santiago, Xosé Antón Sánchez Bugallo, un convenio que permite renovar o servizo de asesoramento xurídico e socio-laboral que o Concello compostelán presta a emigrantes retornados e inmigrantes, referiuse na rolda de prensa posterior á transcendental importancia da reforma do Código Civil aprobada no anterior Consello de Ministros, que permitirá que moitos netos de galegos adquiran a nacionalidade española. Rodríguez, que subliñou a imposibilidade de cuantificar cantos cidadáns de orixe galega se poderán ver beneficiados desta reforma, amosou a súa satisfacción por que fora atendida unha “vella demanda” dos colectivos emigrantes galegos. “Non é posible ir máis aló de dicir que poden ser decenas de miles” os galegos que poden adquirir a nacionalidade española, xa que os datos consulares non contemplan cómputos arredor do que “non é”, do que non é, nesta caso, de orixe español.

O responsable da política de emigración do Goberno galego pronunciouse asemade sobre a reacción da comunidade galega en Venezuela ante o anuncio de próximas nacionalizacións feito polo Goberno dese país, para sinalar que nin a través das autoridades consulares españolas, nin do presidente da Irmandade Galega de Caracas e membro da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, Luís Couto, ten noticia a Secretaría Xeral de Emigración dun movemento de organización do retorno a Galicia de cidadáns galegos residentes en Venezuela. “Non nos consta”, dixo, “unha inquietude seria entre os galegos e galegas”. Outra cousa é, asegurou, que exista “certa preocupación” ante a posibilidade de que se acometan reformas no país.

En último termo, Manuel Luís Rodríguez aclarou que a oficina de información dos programas da Xunta de Galicia que existía en Casa de Galicia en Montevideo ata que esta institución foi intervida polo Goberno de Uruguai, “non foi suprimida”, senón desprazada da Casa de Galicia, que durante o período que estea baixo tutela uruguaia non poderá recibir subvencións do Goberno galego para a prestación de servizos, ás dependencias da Unión de Sociedades Galegas do Uruguai.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia