Skip to main content

Reunión da directiva de PuntoGal co presidente da Xunta

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Perez Touriño, recibiu no seu despacho de San Caetano, en Santiago de Compostela á directiva da Asociación PuntoGal, que ten por obxectivo a consecución dun dominio en internet para a lingua e a cultura galega. Durante a entrevista, na que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, os representantes de PuntoGal explicaron os pasos que se levan realizados de cara á presentación da candidatura galega diante da ICANN, organismo internacional que concede os dominios.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, destacou a importancia de que a candidatura galega conte co máximo apoio posible, tanto a nivel político como social. González referiuse así mesmo á campaña que a Asociación vai realizar nas vindeiras semanas co fin de conseguir adhesións nos centros galegos e nos lectorados das universidades. Os representantes de PuntoGal comentáronlle a Pérez Touriño que unha delegación da Asociación participará na vindeira reunión da ICANN en Lisboa a finais do mes de marzo. Neste cumio en Portugal é probable que se coñezan as condicións e prazos para a presentación de candidaturas de dominios en internet.

O presidente da Xunta salientou a importancia de que Galicia conte cun espazo propio na internet e cualificou de moi positiva a iniciativa de PuntoGal. Manuel González, quen estivo acompañado do secretario e do tesoureiro de PuntoGal, Darío Janeiro e Lois Rodríguez respectivamente, agradeceu o interese e o apoio de Pérez Touriño á candidatura galega e comprometeuse a mantelo informado sobre as novidades que se vaian producindo nos vindeiros meses. Por diante queda a elaboración dos informes económico, técnico e de xustificación, documentos de especial relevancia na valoración da candidatura por parte da ICANN.

Sinaturas

PuntoGal este realizando ademais dende fai tres semanas unha recollida de sinaturas de apoio á candidatura a través da súa web, www.puntogal.org. A día de hoxe son xa case 4.000. Ademais numerosas páxinas en internet colocaron nos últimos meses os baners de apoio á iniciativa.

PuntoGal consituíuse como asociación o 10 de xuño de 2006 nunha
asemblea celebrada no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Na súa andaina conseguiu o apoio das máis representativas entidades ligadas á cultura e a lingua galega, entre as que figura a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CRTVG, a Asociación de Editores de Galicia, o Consello da Xuventude,Federación de Libreiros de Galicia, o Colexio de
Arquitectos, o Consello da Avogacían e o CESGA, entre outras.

Asociación PuntoGal