Skip to main content

Máis de 23.000 escolares de ata 3 anos participan na campaña Eu Son, de promoción do galego

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou na escola infantil de Bouzas, en Vigo, a campaña “Eu Son”, coa que se pretende impulsar o uso da lingua galega entre os nenos e nenas. Esta iniciativa, promovida pola Vicepresidencia da Xunta, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará en total a máis de 23.000 rapaces e rapazas de cero a tres anos das escolas infantís, dos centros de ensino infantil e do programa Preescolar na Casa - Educar en familia.

A campaña Eu son está protagonizada polos personaxes dos contos infantís dos Bolechas e consta de materiais lúdicos e didácticos que fomentan a comunicación habitual en lingua galega entre os máis pequenos. Grazas a esta actuación, cada neno e cada nena disporá dun caderno no que ir escribindo e debuxando as súas características persoais. Tamén terán cadanseu conto dos Bolechas, libros con autoadhesivos desta popular familia, crebacabezas para xogar nas aulas, mochilas e camisetas que poderán decorar cos seus nomes.

Os materiais xa se distribuíron nas escolas infantís públicas, dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e nos centros de educación infantil, dependentes da Consellería de Educación. A nova campaña de promoción da lingua galega na educación infantil chegará en total a 85.000 nenos e nenas de entre un e cinco anos de idade.

Valores positivos

No decurso da presentación a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, salientou que o material lles axudará aos nenos e ás nenas a achegarse dunha maneira activa e divertida á súa lingua e promoverá os valores positivos cara a esta. Nesta liña, a secretaria xeral explicou que é nas escolas infantís onde se comeza a educar en valores, como a igualdade, que é o xeito mellor de previr a violencia de xénero. Por iso, Carme Adán apostou por reforzar o traballo nas escolas infantís, co obxectivo de formar as que serán as xeracións máis preparadas para asumir o futuro de Galicia.

A actuación conta cunha partida económica de 643.000 euros, dos que 71.000 foron achegados pola Secretaría Xeral de Igualdade.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia