Skip to main content

Traballo promove unha campaña para que os empresarios confíen na FP ocupacional

A Consellería de Traballo presentou a nova imaxe coa que se identificará a Formación Profesional Ocupacional, un dos subsistemas da FP que está dirixido ás persoas desempregadas. Así o explicou o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, durante a presentación da campaña de publicidade da Formación Profesional Ocupacional que se pon en marcha para a promoción da súa nova imaxe. Fuenteseca indicou que este cambio realízase co obxectivo de trasladar a toda a sociedade as novas vantaxes da formación ocupacional e, sobre todo, “a idea de que a formación profesional é emprego produtivo, non soamente a base do emprego”, destacou.

Así pois, subliñou que a finalidade é trasladar aos empresarios confianza na formación ocupacional. “Unha das ideas que estruturan este proxecto é facer visible aos desempregados que, coa nova formación ábrense novas portas e oportunidades no mercado de traballo”, indicou o director xeral.

Para isto “é indispensable dotar de credibilidade a esta nova xestión diante do empregado”, aclarou Fuenteseca.

O director xeral de Traballo apuntou que para conseguir o obxectivo de máis recoñecemento e mellor valoración era preciso “un lema facilmente recordable e, ao mesmo tempo, que chamase a atención”. “O resultado é a idea de que o saber ocupa”, afirmou Fuenteseca. Un concepto que “pretende representar a formación profesional ocupacional como unha chave que abre as portas á empregabilidade”, concluíu.

O representante de Traballo informou de que a campaña de publicidade está asentada nos catro puntos básicos do novo plan da formación profesional, polo que os esforzos e recursos centráronse en definir as ocupacións máis demandadas, analizar territorialmente as necesidade de formación, definir a política de optimización de recursos e, por último, dedicar unha atención especial ás zonas menos favorecidas, aos colectivos en risco de exclusión social e “todo o que supoña favorecer a participación da muller”.

A imaxe da campaña

O representante da Consellería de Traballo explicou que “se escolleu a simboloxía dunha diana como imaxe da campaña, “xa que se integra perfectamente no O do acrónimo da FPO”. “Ademais, simboliza o principio estratéxico fundamental do Plan FIP 2007, que se basea na concentración de esforzos e recursos nos eidos onde as posibilidades de éxito en clave de empregabilidade son maiores”, resaltou pastor Fuenteseca.

Ademais, foi deseñada unha liña de insercións publicitarias nos medios escritos e nos audiovisuais, dixo o director xeral. Para os medios audiovisuais, elaborouse un spot no que se afirma que o saber si ocupa, coa finalidade de crear certa expectación sobre unha mensaxe que choca co que todos sabemos dende nenos, que o saber non ocupa lugar, explicou Pastor Fuenteseca. E engadiu que a partir de marzo, “emitirase un anuncio no que se explica o contido desta campaña”.

Unha imaxe de continuidade

O director xeral de Formación e Colocación apuntou que coas campañas do FORIET (programa de formación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal) e do Plan FIP 2007 “foise aprobando e consolidando unha imaxe que a partir de agora unificará as diversas actividades da formación que xestiona a dirección xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia