Skip to main content

Innovación e Industria impulsa a creación dun Clúster do Textil en Galicia

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciou que o seu departamento está a impulsar a constitución dun clúster do sector téxtil en Galiza. O titular nacionalista informou así mesmo de que xa se iniciaron os contactos cos axentes do sector téxtil para sentar as bases de creación do clúster, que contará coa participación das empresas galegas máis importantes do sector. Fernando Blanco referiuse a este clúster como un “instrumento que permitirá afianzar o sector e posibilitará que este se beneficie das políticas de I+D+i”.

Fernando Blanco realizou este anuncio no acto de inauguración das instalacións da empresa Diseño Tecnológico Textil de Galicia, S.L., no polígono lugués do Ceao. O conselleiro de Innovación aproveitou para recordar o importante avance das exportacións do sector téxtil galego en 2006, o maior dos últimos anos, medrando un 28% nos 11 rimeiros meses do ano e cun valor total de 1.700 millóns de euros. A confección e a peletería constitúen deste xeito a segunda actividade exportadora de Galiza, por detrás da automoción e xunto con outras das ramas que máis crecen en exportacións como a da construción naval. “A pesar das dificultades nas que se moven –dixo o conselleiro-, estes sectores están sendo capaces non só de crecer, senón tamén de exportar, unha asignatura pendente en Galiza e no Estado, favorecendo así a boa marcha da economía do conxunto do Estado”.

O conselleiro tamén salientou o importante investimento en investigación, desenvolvemento e innovación efectuado pola Consellaría de Innovación e Industria, que se duplicou o pasado exercicio. A este respecto, Fernando Blanco destacou a aposta pola I+D efectuada por esta nova empresa téxtil, aposta que pasa polo desenvolvemento de novos produtos e o posicionamento en novos segmentos de mercado. Ditexga está a efectuar un forte investimento en novas técnicas de produción, novos materiais, maior calidade e deseño para desenvolver un escenario comercial con maiores oportunidades.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia