Skip to main content

Roberto Verino, Toypes e María Barros mostran as súas novidades en Nova York grazas ao Igape

Roberto Verino, Toypes e María Barros están a ter a oportunidade de amosar as súas últimas coleccións ao mercado norteamericano, nunha da feiras de moda máis importantes e consolidadas del mundo, The Coterie, que se celebra en Nova York entre o 20 e o 22 de febreiro. O Igape é a única institución do Estado español que conta con stand propio, e Galicia é a única Comunidade Autónoma representada nesta mostra, o que é significativo dado que produce aproximadamente o 45% da moda española.

A feira, que conta con dúas edicións anuais, reúne aos deseñadores máis relevantes do panorama internacional cos showrooms máis exclusivos dunha das capitais mundiais da moda, que así teñen a oportunidade de mostrar as súas novidades aos representantes de grandes almacéns de Estados Unidos (Macy’s, Sacks Fifth Avenue, Bloomingdale’s, etc.) e a outros importadores e distribuidores de moda. Nesta primeira edición de 2007, máis de 3.000 deseñadores están a mostrar as súas creacións a un número de asistentes que se agarda supere amplamente os números de edicións anteriores (máis de 13.000 na última edición de 2006).

A calidade e o deseño das coleccións amosadas vén garantida por un estrito proceso de selección, no que se esixe a cada deseñador que presente 5 prendas a un xurado formado por recoñecidos membros da industria e a prensa. Só se admiten na exposición os traballos que superen dous exames sucesivos e eliminatorios, o que provoca listas de espera de varios anos para participar neste evento.

Este problema, non obstante, non afectou as empresas galegas, debido á elevada calidade da súa moda e á xestión loxística efectuada polo centro de promoción de negocios (CPN) que ten o Igape en Estados Unidos, dende onde se organizou a recepción de mostras para o exame, simplificando e axilizando o proceso.
Ademais, o Igape participa directamente na feira a través da adquisición de espazo expositivo, que foi cedido gratuitamente ás tres empresas participantes para que teñan a oportunidade de amosar as súas creacións ao público e industria de Estados Unidos.

Non embargantes, a vantaxe máis importante da que disfrutaron as empresas representadas na mostra foi a elaboración dunha axenda de contactos na que se inclúen os compradores dos grandes almacéns, showrooms e distribuidores de Nova York e do resto de Estados Unidos, que pasarán a visitar o stand do Igape, onde coñecerán aos representantes das empresas galegas e verán as súas coleccións.

Nun mercado tan competitivo como o norteamericano, esta acción promocional do IGAPE é unha grande oportunidade para que as empresas galegas consoliden o seu proceso de internacionalización, imprescindible no sector da moda na actualidade.



Gabinete de Comunicación do Igape - Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia