Skip to main content

Presentados os Premios Moce como ferramenta para a difusión da cultura emprendedora

O director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, Pastor Fuenteseca, defendeu a convocatoria dos premios MOCE (Módulo Ocupacional de Creación de Empresas) como unha ferramenta máis para a difusión e divulgación da cultura emprendedora e creación de empresas entre a sociedade galega. Fuenteseca participou na presentación da II edición destes premios promovidos pola Fundación Ronsel e que contan coa colaboración da Consellería de Traballo.

O director xeral destacou o valor destas distincións non só pola difusión do emprendemento senón tamén “pola importancia das actividades de acompañamento e de seguimento posterior que supón para os emprendedores”. Fuenteseca explicou que os premiados con esta distinción contan co apoio e titorización durante a posta en marcha e os primeiros meses de vida da iniciativa emprendedora.

O representante da Consellería de Traballo recordou que os premios MOCE foron promovidos pola Fundación Ronsel, e que contan coa colaboración do departamento que dirixe Ricardo Varela, xa que “facilitamos formación, recursos humanos e técnicos para posta en marcha das iniciativas de autoemprego a todos os alumnos que participan nun curso de formación ocupacional”.

Pastor Fuenteseca apuntou que “as actividades que se alzan con estes galardóns caracterízanse por ser iniciativas novidosas, atractivas e con viabilidade”, aseguro.

O representante da Consellería de Traballo sinalou que no pasado ano, “presentáronse a estes premios un total de 98 proxectos e máis do 50% pasaron a fase de preselección”. “Ademais 18 destes proxectos presentados ao longo de 2006 están en funcionamento”, declarou Fuenteseca.

Para rematar, o director xeral de Formación e Colocación asegurou que coa convocatoria da segunda edición dos premios MOCE, “avanzamos un paso máis de cara a consolidación destes galardóns e en consecuencia, da consolidación da cultura do emprendemento”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia