Skip to main content

Pesca, Cetmar e o sector preparan o primeiro seminariio do proxecto Serea

O Centro Tecnolóxico do Mar -Fundación CETMAR- acolleu unha reunión de seguimento e coordinación do proxecto “Serea”. Esta iniciativa, coordinada por este centro e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, ten por obxectivo a busca de sistemas que faciliten unha progresiva reestruturación do sector
pesqueiro de baixura e o marisqueo, co fin de que poida adaptarse ás condicións actuais.

A esta cita, na que se abordou a preparación do primeiro seminario dirixido ao sector pesqueiro e marisqueiro para o mes de abril, acudiron os equipos de traballo implicados directamente nesta iniciativa. Trátase de persoal do Cetmar, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, das tres universidades galegas – A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo –, do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria y Divulgación Ambiental de Galicia), da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e das confrarías de Cambados, Cedeira e Lira. Desprazáronse tamén ata Vigo os participantes transnacionais neste proxecto procedentes da Cooperativa de Audierne Port (Bretaña francesa) e un delegado da Secretaría de Pesca de Letonia que participou como
observador.

Durante a reunión revisouse a actividade levada a cabo nos últimos meses ao amparo desta iniciativa como son: a posta en marcha dun observatorio para a xestión do cambio no sector pesqueiro tradicional; a organización da recollida de boas prácticas relacionadas coa pesca sostible, a innovación pesqueira e o turismo mariñeiro; así como a organización dunha
serie de seminarios para a sensibilización e orientación ao cambio dos principais beneficiarios e partes interesadas no proxecto.

Resposta ás problemáticas da pesca

O proxecto “Serea”, que deu comezo en novembro de 2006 e que se dará por finalizado en 2008, xurde para dar resposta ás actuais problemáticas da pesca de baixura como son a sobreexplotación dos recursos, os elevados prezos do gasóleo e o deterioro da imaxe social do sector, que están provocando un descenso da actividade e do relevo xeracional. Estes cambios teñen unha importante repercusión económica pero tamén social no sector, xa que en moitas zonas da nosa costa a pesca e o marisqueo
representan a principal fonte de ingresos e, polo tanto, o principal motor de desenvolvemento.

Deste xeito, a iniciativa “Serea” plantexouse como unha forma de facilitar a cultura do cambio dentro do sector, fomentando o desenvolvemento sostible e seguindo unha filosofía participativa. Así, no ámbito desta actuación, proxectase a creación de estructuras de cooperación entre a Administración, o sector e a investigación; a creación dun servizo de asesoramento para a recualificación profesional,
acompañada por un plan de formación e alfabetización dixital; a definición dun plan estratéxico de actuacións a 3 anos; e o deseño de actividades económicas complementarias, como a pesca-turismo.

Toda a información do proxecto poderá consultarse proximamente na web do mesmo: www.serea.org.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia