Skip to main content

Representantes dos concellos galegos participan na I Xornada Internacional dos Bancos de Tempo

A Consellería de Traballo desenvolve en Galicia a primeira xornada internacional dos bancos do tempo. Así, no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago reúnense os responsables de proxectos desenvolvidos en Italia, Francia, Portugal e Barcelona coa finalidade de recadar e divulgar as súas experiencias na posta en marcha dos bancos do tempo, iniciativas que teñen como finalidade promover a igualdade nos usos do tempo entre homes e mulleres.

En torno a 400 persoas xa formalizaron a súa inscrición nesta actividade divulgativa. Asisten fundamentalmente técnicos de municipios, pero tamén representantes de asociacións veciñais, entidades sen ánimo de lucro e mesmo de centros privados e cámaras de comercio.

Este encontro ten como obxectivo principal dar a coñecer entre as institucións locais os importantes resultados acadados en distintas comunidades de cidadáns cos bancos do tempo. Como exemplo das diferenzas entre os distintos sistemas que existen na actualidade, na cidade de Torino (Italia) é a Administración rexional a que pon en marcha unha coordinadora que axuda e promove os bancos de tempo. No caso francés son grupos de persoas que, a través dunha páxina web, crean e activan os Sistemas de Intercambio Local (SEL). Nesta fórmula, a unidade de cambio non é sempre o tempo, aínda que si a máis frecuente.

Os bancos do tempo de Portugal son creados por unha asociación pero son xestionados coa colaboración da Administración local. Por último, en Barcelona, os bancos do tempo son promovidos e asesorados por unha asociación e a Administración local, mentres que a xestión é levada a cabo por asociacións ou fundacións.

Funcionamento

Os bancos do tempo son unha das medidas previstas polo proxecto de Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, xa en trámite parlamentario, para contribuír a un reparto máis equitativo do tempo dos homes e das mulleres, dado que as tarefas domésticas e de carácter familiar seguen a recaer maioritariamente na muller a pesar da súa incorporación ao traballo remunerado.

Os bancos do tempo están constituídos por grupos de persoas que intercambian o seu tempo para a realización de diversos servizos. Isto significa que poñen a disposición do resto dos socios unha lista de tarefas que poden ofrecer e unhas horas determinadas de tempo que poden dedicar a esas tarefas. A cambio, reciben a dedicación desas mesmas horas noutros servizos que necesitan do resto do colectivo. Por exemplo, un socio pon a disposición de todos os membros da asociación 10 horas do seu tempo para acompañar ao médico a persoas maiores. A cambio deste servizo, recibiría 10 horas de tempo do resto dos asociados na realización dun trámite coa Administración, en efectuar unha compra ou outra actividade. Por suposto, os interesados en participar tamén poden ofrecer o seu tempo sen pedir nada a cambio.

O tempo vale o mesmo independentemente de cal sexa o servizo que se ofreza. Intercámbianse horas, non servizos; polo tanto costa o mesmo unha hora dedicada a recoller os nenos e nenas do colexio que unha hora dedicada a unha reparación de fontanería. Unha secretaría encárgase de controlar o estado dos talonarios de tempo de cada asociado ou asociada. Tamén distribúe un boletín informativo con actividades dispoñibles, que normalmente aumentan progresivamente a medida que se van apuntando novos socios. Todas as persoas poden ser membros dun banco do tempo, non importa a súa formación, idade ou ocupación.

Base de datos municipal

No caso dos bancos de tempo de Galicia, os concellos serán os encargados de xestionar as bases de datos coas persoas interesadas en participar no Banco de Tempo. Nesta base constará a súa dispoñibilidade horaria e actividades de interese e de oferta. Cómpre aclarar, non obstante, que en ningún caso os labores prestados a través das redes comunitarias de apoio á conciliación poderán constituír o obxecto propio dun contrato de traballo, nin as redes comunitarias de apoio á conciliación poderán substituír nunca ao traballo retribuído. Os concellos limitaranse a poñer en contacto a ofertantes e demandantes de actividade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia