Skip to main content

O Padroado da Fundación Galicia Europa aproba o Plan de Actuacións para 2007

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu en Santiago a xuntanza do Padroado da Fundación Galicia Europa, na que se aprobou o proxecto de orzamentos e de actividades para 2007. Entre as principais liñas de acción previstas, cabe salientar o reforzo dos equipos da Fundación Galicia Europa en Santiago e Bruxelas, o lanzamento dun novo portal web e unha nova revista, así como o cambio de sede da oficina da capital belga, que se fará efectiva este mesmo ano.

Na reunión do Padroado tamén participaron os conselleiros de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu; o de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, e de Pesca, María Carmen Gallego Calvar, ademais do Secretario Xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, o secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria, Emilio Nogueira; o Director Xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o director xeral do Banco Pastor, Fernando Díaz Fernández; o representante das Cámaras de Comercio de Galicia no Padroado Jesús Asorey Carril e mailo delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, Francisco López Peña.

Incorporación de técnicos das consellerías

O programa de actividades deste ano da Fundación Galicia Europa prevé o reforzamento dos equipos de traballo para afondar e mellorar o apoio técnico ofrecido á Xunta de Galicia. Neste sentido, e ademais das novas incorporacións previstas, xa se teñen asinado convenios de colaboración coas Consellerías de Medio Rural, Pesca e Asuntos Marítimos e de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D, para incorporar un técnico de cada un destes departamentos ao equipo da Oficina de Bruxelas. Segundo o previsto, nos vindeiros meses asinaranse convenios coa Consellería de Economía e Facenda e co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)

Así mesmo, e seguindo as directrices establecidas no Plan Estratéxico 2006-2009, se afondará nas actividades de comunicación e información á cidadanía desenvolvendo un novo portal web, unha revista da Fundación Galicia Europa de periodicidade trimestral, e a publicación de diversos libros e informes.

Do mesmo xeito, deuse o visto bo á ampliación das axudas concedidas pola FGE a diversas entidades para a realización de actividades formativas (cursos, seminarios e xornadas), así como á continuidade da liña de bolsas de formación para o curso 2006-2007. En 2007, serán un total de 24 bolsas para a realización de actividades de formación e especialización na FGE, para estudos de integración europea en centros universitarios doutros países europeos, para a realización de cursos de idioma no estranxeiro a través do Programa Erasmus e para os licenciados que obteñan estancias non remuneradas nalgunha das institucións europeas.

Videoconferencias

Así mesmo, informouse aos membro do Padroado que se vai a proceder á instalación de webcams nas oficinas da Fundación en Galicia e en Bélxica co fin de realizar viceoconferencias que permitan crear un espazo de traballo “on line” entre os dous equipos. Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar a coordinación e a comunicación entre as dúas oficinas da Fundación.

Memoria de actividades de 2006

No transcurso da reunión, os membros do Padroado tamén fixeron un repaso ás actividades levadas a cabo pola Fundación ao longo de 2006 tanto en Galicia como en Bruxelas e á memoria que as recolle. Ademais, someteuse a debate a liquidación dos orzamentos do pasado ano, cuxa principal novidade é a operación de compra e traslado da sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia