Skip to main content

A Xunta apoia ao audiovisual galego no Festival de Málaga

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta e o Consorcio Audiovisual de Galicia presentarán o domingo, 11 de marzo, as producións galegas de cine no marco da X edición do Festival de Málaga, que comeza o venres.

Para achegar as producións galegas aos participantes no Festival de Málaga-Cine Español, o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, acompañado polo director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, presidirá un acto ao que asistirán o alcalde da cidade, o director do Festival, ademais de un amplo elenco directores, actores, produtores e medios de comunicación tanto nacionais como internacionais. Neste acto, que se celebrará o vindeiro domingo a partir das 22,30 horas no Hotel Larios, o músico Carlos Núñez interpretará pezas do seu novo disco “Cinema do Mar”.

Galicia estará representada nesta décima edición do Festival de Málaga por catro longametraxes, incluídas nas 14 da selección oficial. As catro producións abandeiradas por produtoras galegas son: a coprodución internacional Hotel Tívoli, dirixida por Antón Reixa e producida por Filmanova; O menor dos males, última película do autor de “Los Borgia”, Antonio Hernández, producida por Voz Audiovisual; Atlas de Xeografía Humana, baseada na novela homónima de Almudena Grandes, dirixida por Azucena Rodríguez e coproducida por Milou Films; e Concursante, ópera prima do director ourensán Rodrigo Cortés coproducida con Continental.

Así mesmo, o documental A casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón, que analiza a especulación urbanística na zona da Costa da Morte, forma parte dos 18 traballos da sección oficial, escollidos entre os 250 documentais presentados.

Ademais, na selección “Cosecha del año” proxectarase Un franco, 14 pesetas de Carlos Iglesias e Os aires difíciles, película de Gerardo Herrero. Así mesmo, dentro da sección “Cine para a infancia” o cine galego estará representado polo traballo merecedor do último Goya en animación, Pérez, o ratiño dos teus soños.

Ese mesmo día, o festival outorgará a Emiliano Otegui o Premio Ricardo Franco polo seu labor de produción, prolongada durante máis de vinte anos, en títulos fundamentais do cine que inclúe, entre outras obras, Mar adentro e A lingua das bolboretas.

Plataforma de promoción e venda

O Festival de Málaga está considerado como o acontecemento de referencia do máis recente Cinema Español e que nas últimas edicións se está a converter nunha importante plataforma para as películas feitas ou coproducidas dende Galicia, como se pode comprobar cos galardóns obtidos e a repercusión conquerida nos diferentes procesos de promoción e venta das películas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia