Skip to main content

Amenabar, Cuerda e Gracia Querejeta apoian o cinema galego en Málaga

Alejandro Amenabar, José Luis Cuerda, Gracia Querejeta, Fernando Méndez Leite e unha nutrida representación de autores, actores, produtores e críticos de cine deron o seu apoio ao sector audiovisual galego coa súa participación no acto de presentación organizado pola Xunta de Galicia, no marco da X edición do Festival de Málaga.

O coctel-presentación presidido polo secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, acompañado polo director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, contou tamén coa participación do Director do Festival, Salomón Castiel. A presentación do evento correu a cargo das actrices galegas María Bouzas e Isabel Blanco e o músico Carlos Núñez interpretou varias pezas do seu novo disco “Cinema do Mar”.

É a primeira vez que se leva a cabo unha iniciativa destas características co fin de achegar os traballos galegos ao Festival, considerado como unha das máis importantes plataformas de promoción e venda do Estado.

En total, este ano participan un total de 8 títulos galegos no festival de Málaga. Son catro longametraxes dentro da sección oficial (Hotel Tívoli, Atlas da xeografía humana, concursante e O menor dos males), dúas películas dentro da sección A colleita do ano (Un franco, 14 pesetas e Os aires difíciles), así como un documental (A casa de Lola de Andrés) e un título de cine para a infancia (Pérez, o ratiño dos teus soños). Así mesmo, Galicia está representada polo galardón concedido a Emiliano Otegui, en quen recaeu este ano o Premio Ricardo Franco que concede o Festival

Plataforma de promoción e venda

O Festival de Málaga está considerado como o acontecemento de referencia do máis recente Cinema Español e que nas últimas edicións se está a converter nunha importante plataforma para as películas feitas ou coproducidas dende Galicia, como se pode comprobar cos galardóns obtidos e a repercusión conquerida nos diferentes procesos de promoción e venta das películas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia