Skip to main content

Satisfacción do presidente da Xunta na súa viaxe de cinco días a Brasil

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, fixo unha valoración positiva da súa viaxe a Brasil. “Considero que os obxectivos de aproximación e de estreitamento de relacións políticas, institucionais, de cooperación cultural e económica están establecidos”, avanzou o presidente galego, asegurando que agora se abre “todo un mundo de traballo que deberemos ir ampliando e desenvolvendo” porque, subliñou, “isto non se acaba nun día senón que, xustamente, nace e a partir de aí hai que desenvolvelo”.

En declaracións aos xornalistas, minutos antes de ofrecer un almorzo aos representantes da sociedade bahiana, o xefe do Executivo autonómico remarcou os catro eixes nos que se baseou a súa viaxe de cinco días á República Federativa do Brasil: o estreitamento de relacións institucionais; o reforzamento dos lazos culturais; a colaboración empresarial; e o contacto coa colectividade galega.

Entrevistas ao máis alto nivel

A este respecto, Pérez Touriño sinalou que na súa viaxe houbo unha “importante, decisiva e prioritaria” compoñente institucional por canto se entrevistou co presidente da República Federativa do Brasil, Luíz Inácio Lula da Silva; co vicepresidente do Goberno de Brasil; co Gobernador do Estado de Bahía e co propio prefeito da cidade de Salvador.

“Unha compoñente na que tiña especial interese para abrir e consolidar un espazo de relación e de cooperación en todos os terreos e todos os campos”, salientou Pérez Touriño, sobre todo, engadiu, “pensando no futuro dun país, Brasil, que emerxe como unha gran potencia económica e cultural, como un país que probablemente marca o liderato de Iberoamérica” e no que Galicia, “por proximidade lingüística, cultural e histórica ten especiais oportunidades”.

Estreitamento de lazos culturais

En segundo lugar, Touriño referiuse á forte compoñente cultural que caracterizou a súa viaxe. “Para min era moi importante traballar na dirección de facer visible a presenza da Galicia actual, a través da cultura, da arte, da música, dos nosos produtos audiovisuais, nunha sociedade como a brasileira”, incidiu. E avanzou que, do convenio do audiovisual asinado o pasado venres en São Paulo, xa empezan a agromar “arredor de dez proxectos concretos de colaboración de produtores dun e doutro lado do Atlántico, entre Galicia e Brasil”.

“Tomamos unha serie de iniciativas no campo cultural, non só en Bahía, senón en São Paulo”, remarcou Touriño, quen comprometeu que seguirá a traballar nesta liña. “Este non é máis que o inicio por visibilizar Galicia e a cultura galega e a nosa identidade nun espazo de referencia como é Brasil”, concluíu.

Lazos económicos

Nas súas declaracións aos medios, Touriño relatou que durante a viaxe tamén se trataron de apontoar os lazos económicos con Brasil, co obxectivo de “fortalecer as relacións empresariais xa existentes e buscar espazos nesa dirección”. Concretamente, referiuse ao terreo pesqueiro e da acuicultura, ao das enerxías renovables, e subliñou que se ben “o encontro mantido con empresarios en São Paulo marca o inicio”, a finalidade é que “o concretemos en diversas posibilidades de cooperación, non só en São Paulo, aínda que este sexa economicamente o espazo máis determinante de Brasil”.

Finalmente destacou o “acompañamento e unha presenza coa comunidade galega” como outro dos piares fundamentais da viaxe, agradecendo a “hospitalidade e afabilidade especial coa que o presidente da Xunta e a súa delegación foi recibido”.

Viaxe “cargada de sentido de país”

A preguntas dos xornalistas, o presidente da Xunta remarcou que no transcurso desta viaxe “a palabra eleccións, a palabra voto ou a palabra electoral brillaron pola súa ausencia e que en nada esta viaxe ten que ver con períodos ou non períodos electorais”. Destacou que se trata dunha viaxe “cargada de sentido de país, de como ten que ser a política de relación internacional”, algo sobre o que considerou que Alberto Núñez Feijoo e o PP “aínda lle queda moito por aprender, moito camiño que percorrer e espero que o poida ir aprendendo”. “Poden ter a tranquilidade e a seguridade de que esta viaxe feita polo presidente da Xunta de Galicia cumprirá e cumpriría todos os requisitos máis intensos de calquera regulación que se quixera facer”, apostilou.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia