Skip to main content

Xuventude pon en marcha o Programa de Formación do Voluntariado 2007

Mellorar a calidade da participación cidadá en Galicia é un dos obxectivos do Programa de Formación Voluntariado 2007, que presentou en Santiago, o director xeral de Xuventude, Rubén Cela. Coa implantación deste programa, “cumprimos o dereito de todos e todas a recibir formación para o desenvolvemento da acción voluntaria e consolidamos a xestión que as entidades de acción voluntaria están a realizar para promover o voluntariado”, declarou Cela.

O Programa de Formación Voluntariado 2007 recolle dúas novidades importantes. Por un lado, é a primeira vez, que se deseña unha programación con carácter anual e, por outro, posibilita a formación a distancia, xa que haberá unha plataforma de teleformación que “axudará a garantir o dereito de todos e todas á formación básica previa á acción voluntaria”, sinalou Cela. Ademais cúmprese a premisa da descentralización territorial, xa que os cursos desenvolveranse en 11 localidades disferentes.

Xuventude impulsa este Programa de Formación 2007, segundo explicou Rubén Cela, como paso previo para poder acadar os obxectivos que recolle o Plan de Voluntariado 2006-2010, que son crear unha estrutura global de información, formación, sensibilización, dinamización e xestión do voluntariado en Galiza e mellorar, sistematizar e cualificar a formación do voluntariado. Cela explicou que unha das conclusións á que se chegou durante o amplo proceso participativo e de debate que se deu na elaboración deste Plan é que era preciso que a administración xogase un papel fundamental na formación tanto do voluntariado como na formación dos propios formadores. “Non chega con querer e poder, tamén hai que saber” sinalou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela. De aí que este departamento da Xunta decidira por en marcha estas actividades formativas

Nas que se prevé a participación dunhas 1.500 persoas. Son 40 cursos, cun total de 450 horas de formación e que se van desenvolver por todo o territorio galego. As principais liñas de actuación previstas no campo da formación fan referencia ao voluntariado e a súa relación con catro áreas de actuación: as entidades de iniciativa social, a administración pública, a educación e a empresa. No que se refire a área de entidades de iniciativa social e voluntariado, Cela sinalou que se persegue facilitar servizos de consultoría, formación e apoio para que as entidades melloren a súa xestión e poidan fortalecer a súa estrutura organizativa. Na área de administración pública e voluntariado, o obxectivo é promover e deseñar procesos, itinerarios e contidos de formación na acción voluntaria. O director xeral de Xuventude, sinalou como retos na área de educación e voluntariado os de “favorecer a formación complementaria para o profesorado e apoiar as actividades de carácter formativo organizadas dende a sociedade e favorecer a edición das unidades didácticas elaboradas polas entidades sociais de recoñecida traxectoria. Finalmente, na área da empresa e o voluntariado, Xuventude ofrecerá cursos de formato breve e cun soporte en liña como elemento práctico que facilite as estratexias de responsabilidade social corporativa e voluntariado social corporativo.

Contido dos cursos

O Programa de Formación Voluntariado 2007 prevé a realización de 10 cursos por provincia, o que fai un total de 40 actividades formativas e conta cun orzamento superior aos 80.800 euros. Estas están estruturadas en función de dous niveis: os cursos de iniciación, con accións formativas para as persoas que se achegan, por primeira vez, a determinados contidos relacionados co voluntariado e os de afondamento.

Dentro dos cursos de iniciación, contémplase a celebración de tres cursos on line. O primeiro deles sobre voluntariado, que terá lugar en maio e outubro e se impartirá a través da plataforma de teleformación da dirección xeral de Xuventude e que ten por obxectivo que calquera cidadán galego de calquera parte do territorio poda acceder de balde, á formación tanto para ser voluntario como para xestionar unha asociación. O segundo dos cursos, tamén on line, é sobre xestión de asociacións. Desenvolverase en outubro cunha duración de 20 horas e pretende que as persoas que se responsabilizan da xestión do voluntariado, dispoñan dun recurso gratuito de formación para o desempeño do seu traballo. O terceiro curso de iniciación on line, versará sobre a xestión de programas de voluntariado.Terá unha duración de 40 horas e se desenvolverá en outubro a través da plataforma de teleformación de Xuventude. O obxectivo desta acción formativa é mellorar a calidade técnica dos proxectos e sensibilizar da importancia da redacción dos proxectos na valoración das convocatorias das subvencións. Ademais haberá outro curso de iniciación sobre elaboración de proxectos, de carácter presencial, que terá lugar no mes de marzo.

Dentro dos cursos de afondamento haberá actividades formativas sobre varias áreas de actuación. No mes de abril realizaranse o curso sobre voluntariado e ocio e tempo libre destinado a aqueles que prestan o seu tempo tanto a persoas maiores como a persoas con discapacidade. Con este curso preténdese por en valor a dimensión integradora e educativa do ocio. Haberá ademais un curso sobre voluntariado ambiental, onde se abordarán os principios básicos da educación ambiental. Terá lugar no mes de maio, cunha duración de 12 horas. No mes de outubro celebraranse outros catro cursos, tamén de 12 horas, sobre o voluntariado en acompañamento social, destinado a persoas que van realizar o seu voluntariado en programas de acompañamento a distintos colectivos sociais como maiores ou persoas con discapacidade. Outro dos cursos de afondamento que se inclúen dentro do programa de Formación do Voluntariado de Xuventude, xira en torno aos sistemas de calidade nas organizacións non lucrativas, onde se persegue achegar aos asistentes os principios que inspiran unha xestión eficaz e eficiente dende unha óptica de calidade. Terá lugar no mes de abril.

O responsable de voluntariado: habilidade e ferramentas, que se celebrará no mes de maio, busca potenciar a capacitar a figura do responsable de voluntariado, ofrecéndolle ferramentas que lle permitan mellorar a súa relación co voluntariado.

Finalmente, no mes de outubro, celebrarase o curso Elaboración de programas de voluntariado, no que se traballará na definición do programa de voluntariado das entidades, como un instrumento que clarifique o que teñen que facer os voluntarios nas entidades, así como a súa coordinación.

Todos estes cursos de afondamento celebraranse por cuadriplicado, xa que haberá unha edición para cada provincia galega. máis de 80.800 euros.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia