Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria subvenciona con 1'5 millóns de euros proxectos innovadores da empresa Congalsa

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, visitou as instalacións da empresa líder na produción de alimentos precociñados ultraconxelados de alta calidade Congalsa, na Pobra do Caramiñal (A Coruña). Fernando Blanco aproveitou a visita para coñecer de primeira man os dous proxectos innovadores que está a desenvolver esta empresa grazas a unha axuda total da Consellería de Innovación e Industria de 1,5 millóns de euros, dentro do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (In.Ci.Te).

Congalsa acadou en 2006 dúas axudas para o fomento da innovación empresarial que anualmente convoca a Consellería de Innovación e Industria a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. As axudas van destinadas a desenvolver proxectos de robotización da liña de envasado, de desenvolvemento a nivel industrial de produtos de milfollas de pescado e de desenvolvemento e deseño dunha liña de proceso.

Durante a visita, os responsables de Congalsa explicaron ao conselleiro de Innovación e Industrias as características do proxectos innovadores que están desenvolvendo. O primeiro dos proxectos consiste na robotización da liña de envasado. Esta medida permitiralle á empresa darlle solución ao problema con que se atopan as fábricas do sector dos pratos preparados do peixe para aumentar a súa produtividade pola falla de automatización dos procesos de envasado. A particularidade e complexidade deste tipo de produtos, que ao ser embolsado deixan moito espazo libre na bolsa pola súa forma, fai que non se poidan aplicar outros procesos de robotización. O proxecto de robotización da liña de envasado que está a acometer Congalsa e que se prolongará até 2008, acadou unha subvención de 756.000 euros do programa de axudas da Consellería de Innovación e Industria.

O outro proxecto que realiza Congalsa subvencionado por Innovación e Industria consiste por unha banda no desenvolvemento a nivel industrial de produtos de mil follas de pescado, un produto totalmente novidoso no mercado español, e por outra no desenvolvemento e deseño dunha liña de proceso coa particularidade fundamental da súa versatilidade para poder fabricar diferentes tipos de produtos. Deste xeito, a empresa poderá duplicar a produción da liña actual, e incluso triplicar o nivel de produción das liñas existentes nas empresas do territorio español, mantendo constantes custos como a enerxía e a man de obra directa. Este proxecto tamén lles permitirá producir produtos pioneiros en Galiza, como a fabricación de masas quebradas e obleas, e produtos novidosos como os hoxaldrados de peixe que están en fase de estudio e desenvolvemento polo departamento de I+D de Congalsa. A subvención acada por este proxecto das Axudas para o fomento da innovación empresarial da Dirección Xeral de I+D+i foi de 709.475.

Congalsa é unha compañía líder na produción de alimentos precociñados ultraconxelados de alta calidade a base de peixe así como de peixes elaborados radicada na provincia da Coruña, cunha planta de produción en Ribeira e outra na Pobra do Caramiñal. Nada en 1990, o seu crecemento no último ano foi dun 30% até chegar aos 38 millóns de euros e 330 empregados.

Con esta visita, o conselleiro de Innovación e Industria quixo coñecer de primeira man e salientar o traballo e o esforzo innovador que as medianas empresas galegas realizan para actualizar os seus produtos e servizos e poder competir así nun mercado cada vez máis esixente e difícil. Fernando Blanco reiterou tamén o compromiso do seu departamento en axudar a través subvencións como as recibidas por Congalsa a que estas empresas saquen adiante proxectos innovadores e de investigación que sen o apoio inicial da Administración non serían posibles e que lles permiten mellorar a súa produción.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia