Skip to main content

A Dirección Xeral para o Deporte propón a suspensión cautelar a cinco membros da Federación Galega de Fútbol

A Dirección Xeral para o Deporte comunicou por burofax a súa proposta de suspender cautelarmente dos seus cargos a Julio Meana (presidente), Ramón de Llano (secretario), Benjamín Amido (vicesecretario), Luis Caridad (tesoureiro da Federación Galega de Fútbol) e a Fernando Blanco Padre, presidente do Comité Galego de Adestradores, á vista da resolución ditada polo Comité Galego de Xustiza Deportiva, que acredita indicios de infraccións moi graves.

Dende o momento da recepción desta comunicación, os membros da Federación cautelarmente suspendidos dispoñen dun prazo de tres días para a presentación de posíbeis alegacións. Logo deste prazo, e despois de estudárense estas alegacións, a decisión será firme.

Durante a rolda de prensa, o director xeral para o Deporte incidiu en que "a finalidade da suspensión é a de garantir, con carácter urxente, o efectivo cumprimento das funcións atribuídas á Federación Galega de Fútbol, e evitar os graves prexuízos que tería para a Federación a permanencia nas súas funcións de persoas incursas nun procedemento penal aberto pola Fiscalía, así como nun procedemento disciplinario".

O pasado día 9, o Comité Galego de Xustiza Deportiva decidiu trasladar ao Ministerio Fiscal a denuncia da Asociación Galega de Clubs de Fútbol contra estes cinco cargos da Federación de Fútbol, ao considerar que existían indicios serios de delitos (malversación de fondos públicos e falsidade documental, entre outros). Nestes momentos, o caso está en mans da Fiscalía, que deberá determinar se hai ou non sanción penal. Ao remate deste proceso, regresará ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, que estudará se existen sanción administrativa no eido deportivo.
Gabinete de Comunicación da Dirección Xeral para o Deporte de la Consellería de Cultura e Deporte de la Xunta de Galicia