Skip to main content

A Xunta de Galicia abre expediente disciplinario a un traballador do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo por evitar a morte de aves petroleadas

As organizacións ecoloxistas consideramos indignante esta situación, totalmente desproporcionada e inxusta a medida adoptada, e solicitamos o arquivo do expediente por consideralo un acto represivo, unha mostra de prepotencia e un intento de calar as críticas a unha situación que veu dada pola falta de medios e pola toma de decisións erróneas, polo que non pode ser responsable un traballador sen capacidade de toma de decisión no escalafón da Consellería de Medio Ambiente, que xunto cos seus compañeiros actuou correctamente no que se lle pode esixir, o tratamento axeitado as aves.
Na primeira fin de semana de abril produciuse a chegada ás costas galegas de centos de aves petroleadas, das que 480 foron recollidas con vida e trasladadas aos centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta de Galicia. O centro de Cotorredondo, en Pontevedra, recibiu o maior número de aves (368), sendo ademais o lugar con mellores medios e maior experiencia no tratamento de aves petroleadas. Nos dous primeiros días foron estabilizadas 350 aves neste centro, estando dende ese momento disponibles para a fase de limpeza e impermeabilización para a posterior liberación. Neste punto, unha decisión totalmente irracional leva ao traslado destas aves ao centro de Oleiros e á Fundación privada Rof Codina de Lugo, encontrándose o primeiro deles xa saturado con 120 aves que non estaban a ser tratadas e que non dispuña dos medios axeitados para facelo, e non tendo nin capacidade, nin medios materiais axeitados, nin de personal experimentado o segundo.
Comezaron así unha serie de despropósitos na Dirección Xeral de Conservación da Natureza que está a dar como resultado a morte da maior parte das aves, tras un innecesario sufrimento (da maior parte) das aves, sendo este feito agachado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e intentando disimular a incapacidade para resolver esta situación con soltas de aves que non estaban axeitadamente recuperadas, o que motivou a morte de varias destas aves e a recollida das mesmas por parte de ecoloxistas e do propio personal da Consellería de Medio Ambiente.
Ante o fracaso da solta de aves petroleadas botadas ao mar no porto de Bares o pasado día 13, e das que foron rescatadas polo propio personal de vixiancia da Consellería e ecoloxistas 14 aves a medio afogar, a Xunta afonda nos seus erros, e en lugar de dispoñer os medios precisos para a recuperación das aves, tenta agachar os erros cometidos no tratamento internando nun barco as aves no mar para a súa solta, e dificultando o seguimento e posibilidade de supervivencia das aves.
Nesta situación creada só pola falta de capacidade de Javier Ruiz, Director Xeral de Conservación da Natureza, coa irresponsable complicidade de Javier Balado Amado, veterinario do Centro de Recuperación de Fauna de Oleiros, a Consellería de Medio Ambiente lonxe de recoñecer os erros cometidos e tentar poñer solucións, ensáñase con quen respondeu coa eficacia precisa no tratamento das aves, estabilizando as mesmas, actuando coa rapidez precisa e, xunto co personal da propia Consellería e voluntarios desprazados ao centro de recuperación de fauna de Cotorredondo, facendo o seu traballo salvando a vida de 350 aves.
Adega + Erva-Ecoloxistas en Acción Galiza + Federación Ecoloxista Galega (FEG) + Greenpeace + Grupo de Recuperación de Fauna Autóctona + Sociedade Galega de Historia Natural + Sociedade Galega de Ornitoloxía + Amigos da Terra-Amigos de la Tierra