Skip to main content

Innovación e Industria convoca axudas para o comercio por importe de 9 millóns de euros

A Consellaría de Innovación e Industria publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), de 26 de marzo, tres ordes da súa Dirección Xeral de Comercio pola que se establecen as bases para a concesión de tres liñas de axudas ao sector comercial, no marco do Plano de Renovación e Mellora do Comercio Galego. En concreto, trátanse das axudas a adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo, á modernización de comercios situados en zonas rurais e a adecuación e modernización de equipamentos comerciais e vertebración do comercio urbano.

A través da primeira das citadas ordes, o departamento dirixido polo nacionalista Fernando Blanco destinará 1.050.000 euros para subvencións á renovación do comercio retallista galego e á incorporación das novas tecnoloxías da información á xestión dos establecementos comerciais, co obxectivo de adoptar as súas estruturas ao seu contorno de maneira máis competitiva. Deste xeito, subvencionaranse as aplicacións informáticas e os equipos para o proceso de información (ordenadores, servidores, impresoras, equipos multifunción,...) destinados a aplicacións de contabilidade, facturación, almacén e automatización das vendas; o deseño e implantación de sistemas de venda non presenciais (comercio electrónico); o desenvolvemento de páxinas web; sistemas de etiquetaxe; lectores ópticos de códigos de barras, ou terminais en punto de venda, entre outros investimentos.

A segunda das ordes publicadas hoxe no DOG regula a concesión de axudas destinadas a promocionar e incentivar a modernización e a implantación de comercios situados en zonas rurais do país e a elas a Consellaría destinará un total de 1.750.000 euros. Esta liña de subvencións –á que poden acceder todos os establecmentos situados en concellos con menos de 10.000 habitantes ou en núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes e que estean situados en municipios de máis de 10.000 habitantes– establece como investimentos subvencionables o custo da reforma ou ampliación do local comercial sempre que a superficie final deste non supere os 300 m2; o custo de adquisición de moblaxe, elementos decorativos e calquera outro tipo de equipamento comercial; o deseño e execución de campañas promocionais dirixidas á captación e fidelización de clientes; e a adquisición de vehículos comerciais de ata 3.500 kilos de peso máximo autorizado e debidamente rotulado, para o seu uso exclusivo no desenvolvemento da actividade económica subvencionada.

Por último, a terceira orde regula as bases polas que se rexe a concesión de subvencións para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais –denominada liña MERCA– e a vertebración do comercio urbano -–denominada liña URBANCOMER-–. Tanto a MERCA como a URBANCOMER son dúas liñas de colaboración establecidas por Innovación e Industria coas corporacións locais para, no primeiro dos casos, habilitar medidas que sirvan para modernizar, potenciar e revitalizar o comercio naquelas áreas que son ou poden ser polos de atracción con efectos expansivos para o tráfico comercial e, no segundo caso, para posibilitar actuacións que sirvan para a vertebración do comercio urbano asociado ao desenvolvemento dos eixes comerciais. A consellaría destinará un total de 6.675.000 euros a estas axudas con cargo ás anualidades 2007 e 2008.

No marco da liña MERCA consideranse subvencionables a realización de estudos de mellora da organización tanto física como funcional dos mercados retallistas, así como a realización dos proxectos de investimento derivadas destes estudos; os investimentos en mercados retallistas, en proxectos de mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, e noutros equipamentos comerciais. Dentro da liña URBANCOMER subvencionaranse os estudios sobre a situación do comercio en áreas xeográficas determinadas co obxectivo de implantar plans de dinamización e mellora; os estudos de mellora da organización tanto física como funcional de centros comerciais de barrio, así como a realización dos proxectos derivados destes estudos; actuacións de mellora en rúas peonís comerciais ou en eixes comerciais; e a creación e mantemento de servizos municipais ou mancomunados de apoio ao comercio.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia