Skip to main content

Anúnciase a apertura da oficina xestora do Plan Ferrol

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou a apertura en Ferrol da oficina xestora do Proxecto Integral de Desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que se ubicará no Edificio de Usos Múltiples da Xunta de Galicia na cidade departamental. A apertura producirase tal e como desvelou o conselleiro na reunión mantida na sede do Igape en Santiago cos representantes da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, e ao frente da mesma para a súa posta en marcha estará o directivo do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Casto Varela Gesto, con amplia experiencia en materia de desenvolvemento rexional. A reunión, a primeira dende a presentación do Plan o pasado día 12, serviu para analizar e comprometer as actuacións do plan de acción do proxecto e articular as relacións entre a Asociación Impulsora do Plan Ferrol, como órgano asesor do Plan, e o Igape. O consello de dirección do instituto, baixo a presidencia do conselleiro de Economía e Facenda -e no que participan os conselleiros de Innovación e Industria, de Medio Ambiente, de Medio Rural, de Pesca e de Política Territorial-, realizará o seguimento e impulso do Plan.

Na reunión de traballo mantida cos representantes da AIPF, analizouse polo miudo o proxecto integral de desenvolvemento cunha especial atención as actuacións do Plan de Acción do mesmo no que se reflicten as iniciativas, as datas, os reponsables e os indicadores de seguimento. Neste sentido, abordáronse once actuacións concretas:
- Análisis doutros usos do solo industrial dispoñible en Fene pola liberación de espazos para usos de industrias como a eólica ou a maremotriz.
- Apoio a través do clúster á industria auxiliar do naval para lograr unha maior diversificación e tecnificación.
- Constitución dun clúster eólico con sede nas comarcas e coordinación co clúster do naval
- Definición dun Plan Turístico para as comarcas que inclúa a creación dunha imaxe de marca específica e a súa promoción
- Definición dun plan de Ordenación Territorial para o desenvolvemento sostible e ordenado do turismo
- Creación do Centro Tecnolóxico do Naval con sede no CIS de A Cabana
- Asegurar un nivel de carga de traballo axeitado ás instalacións da Ría de Ferrol
- Seguimento de infraestruturas claves para o porto exterior
- Selección de iconos turísticos e instalacións hosteleiras singulares
- Atracción de investimentos de proxectos chave en enerxías renovables como os biocombustibles e a biomasa
- Captación de tráficos para o porto

A estas once iniciativas, e a proposta da Asociación Impulsora, engadiuse a da formalización dun Pacto polo Emprego na comarca.

Proxecto integral para a iniciativa pública e privada

O Proxecto de Desenvolvemento Integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011 prevé movilizar un investimento global de 3.000 millóns de euros dos que o investimento público ascende a 1.163 millóns de euros. O obxectivo final e impulsar un cambio de tendencia na situación socioeconómica destas comarcas e acadar un desenvolvemento rápido e sostido que supoñe un crecemento acumulado ata 2001 do 16%, cifra que cuadruplica a media dos últimos 25 anos. Do investimento público comprometido, o Goberno galego achegará 828 millóns á dotación de equipamentos e infraestruturas, mentres que 335 millóns se destinarán a subvencións e axudas que incentiven a actividade económica e empresarial na zona. En materia de emprego, o plan prevé a creación de 4.400 postos de traballo no periodo.

Entre as iniciativas para impulsar o desenvolvemento económico da zona, o proxecto inclúe sete relativas a sectores soporte –o naval e a industria auxiliar-; sectores motor –eólico, turístico, e loxístico-; e sectores de futuro –enerxías renovables-. Ademais, recóllense medidas transversais no ámbito da dotación de solo industrial, da mellora das infraestruturas, e do fomento do I+D+i. En definitiva, o proxecto aposta pola visión integral das actuacións, o establecemento de prioridades e a coordinación de iniciativas, co obxectivo de abordar unha estratexia de diversificación produtiva, formación e tecnificación dos recursos humanos e aproveitamento das vantaxes competitivas da comarca de Ferrolterra.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia