Skip to main content

O novo responsable de Fadesa confirma a súa vontade de colaboración e compromiso con Galicia

O máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, mantivo un xantar de traballo co presidente de Fadesa, Fernando Martín, durante o cal o novo responsable da compañía expresou a vontade de colaboración da empresa co Goberno de Galicia e o seu compromiso con Galicia. Así, Martín manifestou ante Pérez Touriño que a sede social da compañía que preside permanecerá na Coruña e que proseguirá a colaboración que mantén con diversas entidades sociais, culturais e académicas da Comunidade Autónoma.

A xuntanza mantida entre Pérez Touriño e Fernando Martín e a primeira de carácter institucional que ambos os dous teñen desde que o segundo asumiu, o pasado día 15 de marzo, a Presidencia de Fadesa. A través desta xuntanza, o novo presidente de Fadesa quixo ratificar a vontade de estreitar lazos de cooperación co Goberno galego e manifestar ao presidente da Xunta os plans que posúe para a nova etapa da sociedade e os asuntos relativos ao potenciamento dos seus investimentos en Galicia, no marco do proceso de continuidade no desenvolvemento das operacións da compañía na Comunidade Autónoma.

Satisfacción do presidente da Xunta

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, valorou a boa disposición de Martín e o compromiso claro e expreso de Fadesa con Galicia nesta nova etapa que inicia a compañía. O titular da Xunta destacou o significado que Fadesa posúe para Galicia e aplaudiu o feito de que se manteña a galeguización da empresa, á que cualificou de “buque insignia” do sector inmobiliario galego. Neste sentido, o máximo mandatario galego referiuse ao potencial desta empresa e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma e pediu a Martín que siga potenciando o perfil e a singularidade propias desta empresa, ao tempo que lle desexou o mellor dos éxitos nesta etapa que comeza.

Por último, o presidente da Xunta manifestou a intención do Goberno que preside por continuar traballando para facer de Galicia unha terra atractiva para xerar investimento e crear actividade económica e postos de traballo por parte das empresas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia