Skip to main content

Audiovisual nas Aulas convida a máis de 2.000 escolares a ir ao cine

Como parte do programa Audiovisual nas Aulas, que desde 2003 promove o Consorcio Audiovisual en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de iniciar aos escolares de Primaria, E.S.O. e Bacharelato nas claves da linguaxe audiovisual, ao tempo que inicialos no coñecemento do audiovisual propio.

Na súa primeira edición participaron un total de 12 centros que levaron a cabo a fase de Iniciación ao Audiovisual no curso 2003/2004, e na actualidade xa suman tres fases máis que completan Audiovisual nas Aulas: Iniciación á Animación, Iniciación á Televisión e Iniciación ás Novas Tecnoloxías, participando un total de 84 centros. Cada centro, dependendo da fase na que se atopen, realizarán unha actividade ou outra.

A actividade correspondente a Iniciación ao Audiovisual consiste en achegar aos alumnos ao cine máis próximo para visionar unha película galega despois de participar nas sesións didácticas impartidas por un monitor especializado no seu centro. As sesións cinematográficas acompáñanse as máis das veces dalgún actor galego participante no filme para que poida contar de primeira man en que consiste a súa profesión, o seu traballo no filme e ao mesmo tempo contribuír a facer máis próxima a súa actividade.

Desde 2003 ata o curso pasado, máis de 5.000 alumnos asistiron gratuitamente ao cine en pantalla grande grazas a Audiovisual nas Aulas, e no presente curso 2006/2007 serán máis de 2.000 os que se incorporan a esa cifra.

Os filmes que se ofertan, seleccionados polo profesorado de cada centro e facilitados polo CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), son: O lapis do carpinteiro, O agasallo de Silvia, 13 badaladas, A lei da fronteira, Romasanta, A vida que che espera, León e Olvido e O soño dunha noite de San Xoán, que se exhiben nos cines Filmax Pontiñas (Lalín), Compostela (Santiago), Filmax (A Coruña), Multicines Gran Arousa (Vilagarcía), Yelmo Cineplex, Multicines Hollywood, Cines Dos R, Cine Box, Multicines Xunqueira e Plaza Elíptica de Vigo.

Ao mesmo tempo, con esta iniciativa o Consorcio Audiovisual de Galicia tenta de contribuír á dinamización do sector da exhibición en Galicia, posibilitando que moitos destes alumnos asistan por vez primeira a unha sala de cine.
Consorcio Audiovisual de Galicia