Skip to main content

Presentado o catálogo de formación audiovisual 2007

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, presentou o Catálogo de Formación dos organismos dependentes da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia: o Consorcio Audiovisual de Galicia, O Centro Galego de Artes da Imaxe e o Centro Multimedia de Galicia.

Tal e como destacou o secretario xeral de Comunicación, este catálogo constitúe unha “oferta de calidade” baseada na formación como a “pedra angular” na construción e consolidación de toda rama produtiva, especialmente, no sector audiovisual. O catálogo recolle o plan de formación para o ano 2007 no que se inclúen cursos e obradoiros de capacitación profesional, formación de posgrao e introdución de diversas técnicas de coñecementos que conforman a bagaxe dos creadores audiovisuais.

Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación fixo fincapé en que con este catálogo se deseña unha oferta de formación “dinámica, flexible e acompasada aos cambios que experimenta o sector”. A Secretaría Xeral de Comunicación pon así a disposición das empresas, dos profesionais e dos técnicos as ferramentas axeitadas para darlle resposta ao desafío dun mundo en cambio e enormemente competitivo.

Ademais, con este iniciativa preténdese, tal e como indicou Fernando Salgado, cubrir as lagoas do eido audiovisual e multimedia e complementar a formación regrada que ofrecen diversos centros educativos. O catálogo presentado hoxe vai dirixido aos profesionais, pero tamén a todas aquelas persoas interesadas nesa materia troncal da sociedade do coñecemento.

A Secretaría de Comunicación edita este catálogo coa finalidade de reunir nun único documento toda a actividade en formación audiovisual que se está a ofertar dende todos os departamentos adscritos a ela para dala a coñecer á cidadanía. O catálogo pretende ofrecer un produto “homoxéneo” cun efecto multiplicador, tal e como explicou Fernando Salgado.

Avalado por profesionais

Nesta presentación tamén participaron o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel, Fernández, e o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela. Ademais, o acto contou coa presenza de destacados profesionais que “avalaron a formación de calidade” presentada hoxe, como foron o director da Escola Cinematográfica e do Audiovisual da Comunidade de Madrid (ECAM), Fernando Méndez-Leite; e o director da Escola Superior de Cinema e Audiovisual de Cataluña (ESCAC), Josep Maixenchs.

Ambos os directores avalaron o plan de formación posto en marcha pola Secretaría Xeral de Comunicación e felicitáronse polo que definiron como un proxecto “pioneiro e positivo para o sector”. Ademais, tanto o director da Escola Superior de Cinema e Audiovisual de Cataluña, como o da Escola de Cinematografía e de Audiovisual de Madrid referíronse á boa relación existente entre as institucións que dirixen e a Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia