Skip to main content

Arranca unha nova edición do programa Auga+Mar

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade inicia unha nova edición do programa Auga+Mar, unha iniciativa orientada á educación e á promoción do voluntariado ambiental sobre o litoral e o medio mariño. Vaise desenvolver no albergue xuvenil das Sinas (en Vilanova de Arousa) e no porto do Grove e diríxese a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e tamén ao alumnado de segundo ciclo da ESO e do Bacharelato.

Os obxectivos de Auga+Mar son promover o voluntariado ambiental, a cooperación entre sexos, a igualdade e a solidariedade. Preténdese coñecer a riqueza biolóxica das especies que habitan no mar, sensibilizando ademais sobre as consecuencias dos impactos das actividades humanas nos ecosistemas mariños. Quérese ademais transmitir aos máis novos actitudes positivas de cara á conservación do patrimonio natural, cultural e respecto ao medio mariño, a biodiversidade e a etnografía mariña.

Xuventude e Solidariedade enviou este ano por e-mail a todos os centros escolares de Galiza os folletos informativos e as fichas de inscrición nesta iniciativa. Garantiuse deste xeito que a información chegara ao mesmo tempo aos distintos centros.

Subprogramas

Auga+Mar consta de dous subprogramas, “Da area gorda ao mar maior” e “Baixo as ondas”. O primeiro deles está destinado a rapaces e rapazas de segundo ciclo da ESO e do Bacharelato e divídese en dous módulos, “Da areagorda á beiriña” (para os da ESO) e “Da beira ao mar maior” (para os de Bacharelato). O primeiro módulo céntrase na diversidade biolóxica intermareal, no impacto ambiental das actividades humanas -especialmente o impacto do Prestige na costa gaelga- e no papel do voluntariado. O módulo “Da beira ao mar maior” pretende estudar as rías, as augas interiores, a riqueza biolóxica e a economía produtiva.

Entre as actividades que van realizar os participantes están saídas en barco, visitas a bateas, actividades extractivas de marisqueo e pesca, coñecemento dalgunha planta conserveira, visita a lonxas ou observación de fauna mariña salvaxe, aves e cetáceos.

“Da area gorda ao mar maior” consta de 960 prazas para escolares (incluídas as prazas para persoas con discapacidade), que comezan mañá a desenvolver o programa no albergue xuvenil das Sinas. Haberá quendas durante os meses de abril, maio e xuño, e cada quenda durará dende martes a venres. No mes de abril as quendas serán do 10 ao 13, do 17 ao 20 e do 24 ao 27. En maio haberá quendas do 8 ao 11, do 22 ao 25, e do 29 ao 1 de xuño, mentres que en xuño serán do 5 ao 8, do 12 ao 15, do 19 ao 22 e do 26 ao 29. Na primeira quenda que comeza mañá van participar dous colexios, o “Quiñones de León” de Vigo e o “Luís Vives” de Pontedeume.

Baixo as ondas

O subprograma “Baixo as ondas” está destinado a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e vaise desenvolver de venres a domingo, tendo como porto base o do Grove. Poden participar quince persoas por quenda (ata un total de 150 prazas, incluídas as de persoas con discapacidade) e haberá datas en abril, maio e xuño. Neste mes de abril haberá quendas do 13 ao 15, do 20 ao 22 e do 27 ao 29; en maio serán do 4 ao 6, do 11 ao 13, do 18 ao 20 e do 25 ao 27; e por último en xuño as quendas serán do 1 ao 3, do 8 ao 10, do 15 ao 17 e do 22 ao 24.

“Baixo as ondas” céntrase no estudo dos fondos mariños e da columna da auga, recollendo os campos de coñecemento relativos ao perfil dos fondos oceánicos e augas profundas, correntes e condicións oceanográficas, riqueza biolóxica e ecosistemas. Os participantes poderán ademais achegarse ao mundo da navegación e da actividade pesqueira mediante as actividades no buque Nauja. Aqueles que queiran participar neste programa teñen que aportar 24,50 euros (cun desconto do 25% para os posuidores do Carné Xove ou Máis).
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia